Desde que Pedro Sánchez é presidente do Goberno, segundo denuncia o Partido Popular, "no se ha iniciado ni una sola obra nueva en la provincia" que fora impulsada polo Estado. Así o afirmou a deputada Ana Pastor, nunha rolda de prensa celebrada en Pontevedra.
Pastor, que estivo acompañada dos tamén deputados Diego Gago, Javier Bas e Juan Constenla, censurou a "tomadura de pelo" que supón o comportamento "intolerable" do executivo central con Pontevedra, que se reflicte nos orzamentos xerais para 2022.
"No es que seamos ciudadanos de segunda, es que nos tratan como si fuéramos de tercera", lamentou a deputada do PP, que avanzou o centenar de emendas para Pontevedra que os populares presentaron a estas contas, por valor duns 140 millóns de euros.
Entre elas, figuran 40,2 millóns para a cidade de Pontevedra, destinados a acabar coa "lentitud" da A-57, a remodelación do nó de Bombeiros ou a reforma do antigo edificio de Facenda, ou a creación dunha unidade UPR na comisaría da Policía Nacional.
Ana Pastor detallou, entre a relación de emendas, os 1,5 millóns de euros que pide o PP para a mellora da PO-11 en Marín ou os 1,4 millóns para Vilagarcía, para a rotonda de acceso ao hospital do Salnés, o novo cuartel da Garda Civil, a rehabilitación do paseo da praia de Compostela ou a rexeneración da praia de Preguntoiro.
A estes proxectos, o PP suma un millón para a reforma da praza de abastos de Cambados e outro millón para o variante norte de Caldas e a nova ponte peonil sobre o río Umia; e 800.000 euros para a senda peonil da Seca e a saída da AP-9 en Portosanto (Poio)
Piden ademais 700.000 euros para pantallas antirruido na AP-9 e a senda peonil pola costa (Vilaboa), 400.000 euros para a ligazón de Cutián, a senda de Calvelo e unha nova rotonda en Cerdedo (Cerdedo-Cotobade) e 350.000 euros para ampliar o paseo de San Vicente ata o Con Negro e musealizar o xacemento de Adro Vello (O Grove).
Entre as emendas do PP figuran outras actuacións "globais" que beneficiarían a toda a provincia como a chegada do AVE a Vigo por Cerdedo (1 millón), a bonificación das peaxes na AP-53 (2 millóns), a supresión das peaxes en Redondela e no tramo entre Vigo e Tui da AP-9 (10 millóns) ou o impulso ao tren de alta velocidade cara Portugal.
Todo iso permitiría a Pontevedra, segundo Ana Pastor, ser unha provincia "más competitiva" e xerar "más empleo y oportunidades" para todos os cidadáns.