Ana Isabel Vázquez, concelleira do PP, pide medidas de seguridade e limpeza para as obras da Illa das Esculturas

Pontevedra
24 de setembro 2021

Os populares presentarán unha moción no vindeiro pleno da corporación reclamando medidas para poñer en valor este complexo artístico instalado na Illa do Covo. A concelleira do PP sinalou que desde a súa inauguración en 1999 son frecuentes as queixas por actos vandálicos como pintadas e ouriños nas obras, ademais da falta de información turística sobre este espazo

Pintada e residuos na obra 'Una Folie' na Illa das Esculturas
Pintada e residuos na obra 'Una Folie' na Illa das Esculturas / Partido Popular de Pontevedra

O Partido Popular presentará unha moción no próximo pleno municipal denunciando a situación de abandono na que se atopa o complexo escultórico da Illa de Covo, tamén denominada Illa das Esculturas, situada na Xunqueira. 

Ana Isabel Vázquez, concelleira popular, expoñía este venres que o Concello mantén abandonada unha exposición de referencia internacional e que, no seu momento, foi unha iniciativa imitada por outras cidades como Sevilla e debe ser un "orgullo para Pontevedra".

A representante do PP indicou que, desde a inauguración en xullo de 1999, foron continuos os episodios de denuncias sobre actos vandálicos contra as obras de artistas de talla mundial como Robert Morris, Richard Long, Dan Graham ou o cambadés Leiro. Ana Isabel Vázquez denuncia que estas escenas continúan producíndose, polo que demanda intervencións nesta contorna que axuden a poñer en valor este espazo.

As medidas solicitadas consisten en iluminar, principalmente as obras situadas na zona interior, para evitar ataques ás obras; identificar con placa todas as esculturas, xa que nalgunhas os vándalos borraron a denominación e o nome do artista; manter controlada a vexetación; crear un mapa con cada unha das esculturas que facilite as visitas turísticas coa opción de descarga en dispositivos móbiles; actualizar o web de Turismo de Pontevedra e outras institucionais con máis información sobre o complexo escultórico; e, por último, establecer un programa de visitas guiadas a este espazo ou a posta en marcha de aplicacións, con códigos QR, que permitan realizar un percorrido autoguiado con datos sobre as esculturas.

A concelleira popular lembrou que Xaquín Moreda, concelleira de Patrimonio, anunciara unha actuación de restauración da Illa a principios deste ano sen que se acometera aínda. Tamén indicou que o concelleiro de Deportes, Tino Fernández, presentou actividades deportivas nesta zona pero "nada que teña que ver co mantemento e seguridade do complexo". 

Desde o PP entenden que é necesario establecer medidas para axudar a que este punto turístico "teña a importancia que debe ter para unha cidade que presume de ser importante no eido cultural. Non pode estar no estado en que está", sinalou Ana Isabel Vázquez afirmando que "non é boa imaxe para Pontevedra" e citou comentarios no sitio web Tripadvisor en que se critica o abandono destas obras creativas.

Lembrou que obras como o 'Laberinto' de Morris ou 'Una Folie' de Anne Houllevige & Patrick Poirier presentan pintadas e residuos no seu interior desde hai tempo sen que se procedera a súa eliminación.

Vázquez tamén avogou porque se realicen actuacións que conecten turisticamente diferentes espazos da cidade para realizar unha promoción en conxunto dos atractivos da cidade.