Ana Cedeira, presidenta de comité en Ence: "Utilizaremos todas nuestras armas para defender los puestos de trabajo"

Pontevedra
14 de xuño 2019

Un grupo de traballadores da empresa pasteira levaba a cabo  este venres un acto reivindicativo na praza de España dando forma ao lazo solidario da súa campaña en defensa de Ence e realizando unha cadea humana na contorna da Alameda. Este sábado asistirán ao pleno constitutivo da corporación

Acto reivindicativo do persoal de Ence / PontevedraViva

Ana Cedeira, presidenta do comité de empresa das oficinas de Ence, lideraba o acto que o persoal da fábrica pasteira organizaba ao mediodía deste venres na praza de España. A representante sindical afirmaba que un día máis queren visibilizar e defender os postos de traballo que dependen da actividade de Ence. 

Os traballadores que se deron cita fronte ao edificio do antigo Concello e nas proximidades da Subdelegación do Goberno, onde se atopaban tres patrullas policiais, realizaron un lazo humano que os comités de empresa están a utilizar na campaña de defensa de Ence e, ademais, repetiron o acto de creación dunha cadea humana na contorna da Alameda.

Sobre o pacto de goberno entre o BNG e o PSOE no que se cita como unha das prioridades a marcha de Ence de Pontevedra, Ana Cedeira indicou que van defender e utilizar "todas as nosas armas para defender os nosos postos de traballo e para que Ence non se vaia de Lourizán".

Neste sentido, avanzou que este sábado os traballadores concentraranse ante as portas do Teatro Principal onde se vai a celebrar o pleno constitutivo da nova corporación, encargada de tomar decisións durante o próximos catro anos.

Pola contra, a presidenta do comité de empresa indicou que non boicotearán a marcha contra Ence, que a Asociación pola Defensa da Ría convocou para este domingo 16. "Todos os anos fan unha manifestación. Estamos nun país libre, cada un pode opinar e expresarse da maneira que estimen oportuno. Non imos a guerrear con ningunha asociación", apuntou Ana Cedeira.

Polo momento, o persoal da fábrica atópase pendente da resposta que a Audiencia Nacional ofreza ás alegacións que presentaron os comités de empresa, que se acudiron na causa sobre a nulidade da prórroga.

Arquivado en