O sábado 9 de decembro comezan as Festas de Nadal en Cuntis co aceso das luces destas festas. Ás 18.00 horas inaugúrase cunha festa na que haberá degustación de chocolate con churros gratis na Praza da Constitución. Os escolares poderán divertirse cos inchables durante a tarde e con música popular.
O venres 15 desenvolverase unha sesión de contos tradicionais para público familiar da man de Raquel Queizás na Casa da Cultura Roberto Blanco Torres. O xoves 21 celebrarase no Centro 'Patelas' o Festival da Escola Municipal de Música a partir das 20.00 horas.
O venres 22, a música correrá a cargo das corais na Casa de Cultura Roberto Blanco Torres coa Coral Santa Eulalia de Portela, San Verísimo de Arcos e Cantares das Burgas.
Xa o sábado 23 de decembro desenvolverase un curso de iniciación á orientación e pola noite celebrarase o Festival Folclórico de Nadal no Pavillón Municipal.
O día de Noiteboa, Papá Noel visitará aos menores de 11.00 a 14.00 horas na Casa da Cultura Roberto Blanco Torres. E a partir das 13.00 horas celebrarase unha actuación da Banda de Música xuvenil de Cuntis na Praza das Árbores.
O martes 26, o Concello organiza a concentración infantil na que poderán participar todos os escolares das parroquias, previa inscrición na OMIX. Ese mesmo día haberá teatro para bebés a partir das 17.00 horas na Casa da Cultura. Do 26 ao 30 de decembro celebraranse unhas xornadas de 'Risos en familia' no Centro 'Patelas'.
O 27 e o 28 de decembro na Casa do Médico ás 18.30 horas terá lugar unha xornada de gastronomía en familia para aprender a elaborar pratos de nadal saudables. O 28 tamén se realizará o encontro coa figura de 'O Apalpador' na Casa da Cultura.
Durante o venres 29 de decembro proxectarase a película 'Gru, mi villano favorito'. O sábado 30, ademais da tradicional cea, realizarase unha visita ao observatorio astronómico de Cotobade.
O 2 e o 3 de xaneiro serán xornadas moi divertidas co campionato de Toro Mecánico para usuarios con idades comprendidas entre os 12 e os 18 anos. Os premios en metálico.
A véspera de Reis, ademais da Cabalgata e o encontro cos Magos de Oriente no Pavillón tamén haberá unha sesión infantil de discoteca.