Ampliar os horarios de comidas e ceas, cartas en varios idiomas… a hostalería prepárase para a Gran Final das Series Mundiais

Pontevedra
15 de maio 2023

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, mantivo unha xuntanza este luns con diferentes hostaleiros da Boa Vila co fin de animalos a facer un esforzo durante o evento deportivo

Xuntanza do alcalde con diferentes hostaleiros da Boa Vila
Xuntanza do alcalde con diferentes hostaleiros da Boa Vila / Mónica Patxot

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, xunto co edil de Deportes, Tino Fernández, mantivo este luns unha xuntanza con hostaleiros da cidade de Pontevedra de cara a preparación e posta en marcha da Gran Final das Series Mundiais que acollerá a Boa Vila a finais do mes de setembro deste 2023.

Lores destacou que "se estes eventos deportivos repiten ou veñen por primeira vez aquí é, en parte, grazas a eles, aos hostaleiros; máis alá da amabilidade da veciñanza ou da capacidade organizativa do Concello".

O rexedor explicou que "de haber unha queixa" sería a imposibilidade dalgúns participantes á hora de comer ou cear a unha hora non tan habitual dentro do horario galego, "polo que sería interesante que todo local que ofrece servizo de restauración na cidade pense en ofrecer unha ou dúas quendas de comida a maiores das que ten por norma", suxeriu o alcalde.

O Concello botará unha man a aqueles establecementos que con motivo deste evento deportivo amplíen os horarios de comida e de cea e fagan cartas en varios idiomas.

O alcalde indicou que "alén de axudar na tradución, queremos incluír a estes locais que decidan ampliar os seus horarios nunha web que recolla as súas ofertas, permitindo a todos os participantes poder coñecelos e dirixirse a eles con maior facilidade".

"O que está claro é que os nosos hostaleiros son unha parte importante da imaxe da cidade. A relación calidade-prezo que ofrecen nas súas cartas e nos seus establecementos fai que moita xente prefira vir aquí e non a Abu Dhabi ou Dinamarca, por poñer un exemplo", dixo Lores.

O rexedor comprometeuse a seguir traballando para traer eventos deste tipo á cidade, "en especial no eido do tríatlon, no que Pontevedra xa é unha referencia absoluta a nivel mundial".