Galicia vai "intensificar a procura de contactos" para lograr frear a expansión da pandemia e nun prazo de entre 7 e 10 días empezará a aplicar un novo procedemento para o rastrexo de casos positivos de covid-19 que implicará que os rastreadores contactarán cos contactos dun enfermo na semana previa ao comezo dos síntomas ou a detectarse a enfermidade.
Ata o de agora, o protocolo establecido levaba aos rastreadores a poñerse en contacto coas persoas coas que tivera relación o paciente nos dous días previos á PCR na que deu positivo ou ao comezo dos síntomas. Agora ampliarase este prazo a unha semana.
Este novo procedemento aprobouse en comité clínico de expertos celebrado na tarde do martes e, segundo explicou a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, esperan poder poñer en marcha un proxecto piloto en todas as áreas sanitarias nun prazo de 7 a 10 días. Durante unha semana probarano para coñecer a súa eficacia.
Tanto Carmen Durán como o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, explicaron en rolda de prensa que este cambio de criterio no rastrexo tamén incluirá un seguimento especial no que tomará como referencia lugares concretos como unha reunión familiar importante ou unha reunión social xa sexa en restauración ou fóra dela, "os ámbitos nos que se concentran moitas persoas con independencia de se hai ou non máscara".
Esta extensión do procedemento a sete días, segundo o conselleiro, aumentará o número de probas diagnósticas que se realizan a diario en Galicia, ao redor de 9.500 na actualidade.
O conselleiro tamén explicou, a preguntas dos medios de comunicación, que se aplicará a corentena aos contactos dos dous días previos, pero non a todos eses dos sete días previos. Ofreceráselles realizar proba PCR, pero non será necesario que se illen se non dan resultado positivo.
VACINACIÓN
Julio García Comesaña explicou que Galicia xa puxo máis dun millón de doses de vacinas fronte á covid-19. En total, 742.000 persoas teñen polo menos unha dose e 272.774 a pauta completa.
O 99 % dos maiores de 80 anos da comunidade están vacinados con algún pinchazo e máis do 75 % teñen a pauta completa. Ademais, o 87 % dos grupos considerados esenciais xa teñen a súa dose -de forma maioritaria con AstraZeneca- e o 70 % dos pacientes de risco tamén.
Esta semana estanse administrando segundas doses a persoas de 70 a 79 anos.
Na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés este mércores hai unha nova xornada de vacinación masiva no recinto feiral de Pontevedra.