Amplían a alerta laranxa por temporal costeiro a todas as Rías Baixas

Pontevedra
23 de novembro 2024

Para este domingo tamén se activará unha alerta por choivas en diferentes áreas de Pontevedra. As previsións indican que nas Rías Baixas haberá precipitacións acumuladas en doce horas de 60 mm

Temporal costeiro
Temporal costeiro / PontevedraViva

A alerta laranxa por temporal costeiro que estaba activa para parte da provincia da Coruña vén de ser ampliada pola Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Xunta de Galicia.

Así, todo o litoral das Rías Baixas estará tamén en alerta desde primeiras horas da próxima madrugada e, en principio, manterase durante todo o domingo.

Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), este fenómeno meteorolóxico adverso está deixando xa vento do sur ou suroeste forza 8 e mar combinada do suroeste con ondas de ata seis metros mar adentro. Os refachos poden alcanzar os 100 quilómetros por hora.

Ademais, para este domingo tamén se activará unha alerta por choivas en diferentes áreas de Pontevedra. As previsións indican que haberá precipitacións acumuladas en doce horas de 60 mm en todas as Rías Baixas e na zona do Baixo Miño.

Para o interior da provincia, rebaixan o nivel de choivas ata os 40 mm en doce horas.

Para garantir a seguridade dos bens e as persoas, o 112 Galicia informou da situación aos concellos das provincias afectadas, deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.

A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes e paseos marítimos. Tamén que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.

Ante a alerta por vento, sinalan a importancia de retirar os obxectos que poidan caer á rúa desde os tellados, balcóns e fiestras ou de evitar pasar preto de edificios en ruínas ou en construción, de árbores, de paneis publicitarios e de obxectos susceptibles de desprazarse con vento.

Ademais, coas fortes chuvias recoméndase circular con precaución e informarse antes do estado das estradas, non atravesar zonas inundadas ou que poidan chegar a asolagarse e non aparcar nas ribeiras dos ríos.