Ampliado ao 5 de maio o prazo do sorteo de tarxetas regalo polo Día da Nai

Marín
15 de abril 2024
Actualizado: 30 de setembro

As persoas participantes con tickets de máis de 30 euros de compra teñen a oportunidade de depositalos no recipiente que se instalará na Oficina de Turismo ou, no caso de Seixo, nunhas urnas situadas no Mercado

Con motivo do elevado consumo que se rexistra durante a celebración do Día da Nai, o Concello de Marín quere promocionar ao comercio local cun sorteo que premie á veciñanza fiel aos establecementos próximos.

A campaña do sorteo de 100 tarxetas regalo por valor de 50 euros amplíase ata o domingo 5 de maio para que as persoas que compran a última hora poidan beneficiarse da oportunidade.

Cristina Acuña, concelleira de Comercio, indica que esta festividade é unha "fantástica" oportunidade para realizar as compras no comercio local.

Para participar será preciso realizar compras nos comercios de Marín ou consumir na hostalería do municipio por un valor superior a 30 euros. Despois, cun só ticket ou con varios, deberán depositalos nun recipiente que se atopará na Oficina de Turismo da Praza de España e, no caso de Seixo, no Mercado. Deberá figurar no reverso dos tickets o nome e apelidos do participante, DNI e número de teléfono de contacto. 

Os tickets deben ser orixinais, de maneira que se alguén o precisa para devolucións ou garantías terá que pedir un duplicado no establecemento, indican desde o Concello. Tamén quedan exentas as compras en farmacias, supermercados e gasolineiras.

O sorteo celebrarase o luns 6 de maio ás 12.00 horas no Salón de Plenos de Marín e aí darase a coñecer as persoas gañadoras das 100 tarxetas. A recollida de tarxetas por parte das persoas gañadoras deberá realizarse os días 7 e 8 de maio, en horario de 11.30 a 20.30 horas, portando o DNI.

As tarxetas deberán ser gastadas en establecementos de Marín antes do mes de xullo deste 2024.