Ampliada a rede de abastecemento de auga en Ameal

Marín
21 de novembro 2023

Pablo Novas, concelleiro de Medio Rural de Marín, mantivo unha xuntaza cos residentes para explicarlles os requisitos necesarios para darse de alta no servizo. O Concello marinense inviste case 28.000 euros nesta ampliación

Pablo Novas, concelleiro de Medio Rural de Marín, con veciñanza de Ameal
Pablo Novas, concelleiro de Medio Rural de Marín, con veciñanza de Ameal /

O lugar de Ameal, na parroquia do Campo, acolle durante estes días a execución dos traballos para ampliar a rede de abastecemento de auga. A intención do goberno local do Concello de Marín é dotar a sete vivendas xa existentes e a unha nova en construción de auga do servizo público.

Pablo Novas, concelleiro de Medio Rural, visitaba a zona para manter un encontro coa veciñanza e explicoulles os requisitos que cada unha das persoas propietarias debe cumprir para darse de alta no servizo.

O Concello de Marín inviste preto de 28.000 euros nestes traballos consistentes en demoler o pavimento, escavar e encher as gabias creando acometidas e instalando tubos de polietileno, que permiten a chegada da auga ás vivendas.

A estrada na que se acometen as obras é de titularidade municipal, o que facilita os trámites administrativos. Está previsto intervir tamén na zona do núcleo que linda coa estrada provincial pero, neste caso, será en coordinación coa Deputación de Pontevedra e cando finalicen as obras actuais.