A posible ampliación da Comandancia, en "negociacións" para expandirse cara ao solar anexo

Poio
29 de xaneiro 2025

O novo coronel á fronte da Garda Civil admite os contactos para expandir as instalacións. Nestes momentos é "un tema económico" e depende da intención de venda da outra parte

Comandancia da Garda Civil de Pontevedra
Comandancia da Garda Civil de Pontevedra / PontevedraViva

A ampliación da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra é un tema recorrente desde a propia inauguración das instalacións no ano 2006 e, 19 anos despois, o seu máximo responsable admite "negociacións".

A ampliación que está sobre a mesa implica expandirse cara aos terreos do solar anexo, que albergaban a antiga cementeira da zona da Barca, en Poio.

O coronel Manuel Touceda, recentemente incorporado como novo responsable da Comandancia, confirmou que "tentamos adquirir ese terreo".

Sinalou que é "o lugar natural para para estender" as instalacións e, desta forma, poder situar novas unidades como podería ser o Grupo de Reserva e Seguridade (GRS) instalado na actualidade en Castrosenín, na parroquia pontevedresa de Mourente.

"Estamos a facer negociacións e é unha cuestión de tema económico", constatou Touceda, tras reunirse co subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losasda.

O novo coronel recoñece tamén que para poder pechar a negociación é necesario que a outra parte, os propietarios da parcela, "queiran vender o terreo e poñelo a disposición da Garda Civil".