Amoriños de Bora abre "o mellor carnaval urbano de Galicia"

Pontevedra
13 de febreiro 2015

A comparsa pontevedresa, que cumpre 25 anos, foi a encargada de ler o pregón que dá inicio a dez días duns festexos que comezan pendentes das previsións meteorolóxicas

Pregón do Entroido 2015 a cargo dos Amoriños de Bora
Pregón do Entroido 2015 a cargo dos Amoriños de Bora / Diego Torrado

O Rei Urco chegou á cidade traendo consigo dez días de humor e diversión nun Entroido que arrancou co pregón dos Amoriños de Bora.

A comparsa, que leva 25 anos "facendo de todo indo ao pregón, ao desfile, ás Murgas ou ao Ravachol", foi a encargada de dar entrada ao entroido e pedir aos seus veciños "que axuden a que a nosa Pontevedra siga tendo o mellor carnaval urbano de Galicia".

Así se expresou no escenario o presidente da formación, Xosé Manuel Corbacho, xunto á súa compañeira de comparsa Graciela Fernández, voces dun discurso no que estiveron representados os 60 integrantes de Amoriños.

A comparsa foi a primeira en chegar á Praza da Verdura, acompañando ao Rei Urco xunto aos Solfamidas, Clave de Sol e Flores do Carnaval.

No discurso houbo tempo para acordarse das súas orixes na Discoteca Daniel, parodiar cariñosamente figuras como a xornalista Meli Fandiño ou recordar que "somos os únicos en activo que gañaron o primeiro premio cun alcalde do PP".

O pregón concluíu cunha pequena peza musical composta no seu momento para as murgas, antes de desexar aos pontevedreses unha semana de auténtica diversión.

A programación do Entroido continúa durante este sábado, sempre que a climatoloxía o permita, cunha intensa xornada festiva. Arrancará cun pasarrúas da comparsa Os Canecos ás 11:00 horas. Ás 16:00 horas concentraranse na rúa Xosé Malvar os participantes do desfile, previsto para as 17:00 horas, pechándose o día coa festa de Entroido e a entrega de premios do desfile na Praza da Ferrería ás 20:00 horas.

Arquivado en