Este 19 de marzo, o Grupo de Pontevedra de Amnistía Internacional e a asociación Boa Vida presentaron unha campaña conxunta que busca mobilizar á cidadanía en defensa dos dereitos humanos e da paz.
A iniciativa, que se prolongará ata o 30 de abril, ten como obxectivo recoller, nas tendas en Pontevedra de Boa Vida, sinaturas e mensaxes de apoio para persoas que están sufrindo violacións dos seus dereitos fundamentais en diferentes partes do mundo, e ademais ser unha forma de presión para que a Comunidade Internacional actúe para impedir estas vulneracións.

Sara Prieto, integrante do Grupo de Pontevedra de Amnistía Internacional, destacou a importancia desta axuda mutua.
"A raíz da colaboración que temos con Boa Vida, que llo agradecemos, ofrecéronnos a posibilidade de facer unha campaña para dar a coñecer as accións que estamos impulsando. Centrámonos nas mulleres e nenas afgás e iranianas, que están a sufrir unha perda progresiva de dereitos dende a volta dos talibáns ao poder en 2021", explicaba a activista.
A campaña inclúe a recollida de sinaturas para instar á comunidade internacional a que presione os talibáns e, por outra banda, a elaboración de postais que se enviarán a embaixadas de países como Alemaña e Estados Unidos, nas que se pide o fin da venda de armas a Israel en resposta ao xenocidio que se está a cometer na Franxa de Gaza.

Entre os casos máis urxentes, Prieto subliñou o de Maria Ponomarenko, a xornalista rusa encarcerada por informar sobre a guerra en Ucraína, e Oqba Hassad, "un rapaz novo de 26 anos de Exipto que está no cárcere por, basicamente, non cometer ningún delicto, pero é irmán dun activista do seu país".
Este mozo sufriu torturas no cárcere e ademais ten un problema físico de saúde que require tratamento, polo que é unha persoa en dobre risco.
Toño Ramírez, tesoureiro de Boa Vida, tamén se referiu á gravidade da situación actual: "Estamos ante unha regresión dos dereitos humanos a nivel global. A opresión está presente en moitos países e cada vez é máis evidente. É fundamental que a sociedade reaccione e participe en iniciativas como esta".
Ramírez sinalou que Boa Vida acolle a refuxiados que buscan adaptarse a unha nova vida, entre eles peticionarios de asilo procedentes de países de Sudamérica e unha numerosa comunidade de mulleres ucraínas.

A campaña estará dispoñible nas tendas solidarias de Boa Vida na cidade de Pontevedra, situadas en Santa Clara 35 e A Seca 3, onde os visitantes poderán participar activamente. Amnistía Internacional e Boa Vida invitan a toda a cidadanía a unirse a esta causa e a contribuír para que os dereitos humanos deixen de ser unha utopía para moitas persoas.