Amizade pide espazos accesibles para que as persoas con discapacidade gocen dos espectáculos masivos na rúa

Pontevedra
15 de xaneiro 2020

Paulo Fontán, presidente da asociación Amizade, mantivo un encontro con Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, para manter a colaboración e analizar propostas de mellora de accesibilidade nos espazos públicos

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra con Paulo Fontán, presidente de Amizade
Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra con Paulo Fontán, presidente de Amizade / Concello de Pontevedra

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, recibía este martes a Paulo Fontán, presidente da asociación  Amizade, coa intención de estudar propostas para mellorar a accesibilidade de diferentes espazos públicos.

O colectivo de persoas con discapacidade conta cun convenio co Concello de Pontevedra para colaborar no control e execución de obras expoñendo as diferentes necesidades de persoas con mobilidade reducida.

Fontán solicitaba a mellora de accesibilidade no primeiro tramo da avenida Xosé Malvar, entre a rotonda de  Valdecoorvos e A Seca, ao carecer esa zona de continuidade nas beirarrúas que facilite o desprazamento de persoas con discapacidade.

Ademais, o presidente de Amizade suxeriu que se habiliten espazos accesibles para que as persoas con discapacidade poidan asistir e ver sen problemas actos masivos nas rúas como a Cabalgata de Reyes, desfiles ou concertos. E sinalou que é importante non reducir o nivel de esixencia para que Pontevedra continúe sendo unha referencia en canto a facilitar a mobilidade en espazos públicos. 

Fernández Lores recoñecía que hai espazos na cidade que son mellorables e que se vai tomar nota das peticións para trasladalas aos servizos técnicos.