Amizade pide a prestación do servizo do "coche de punto" con vehículos adaptados

Pontevedra
06 de xuño 2023

A asociación Amizade presentaba por Rexistro un conxunto de emendas á ordenanza municipal reguladora do servizo municipal de taxi do Concello de Pontevedra co obxectivo de mellorar as propostas e incorporar aspectos que garantan a accesibilidade ás persoas con mobilidade reducida

Taxistas
Taxistas / Mónica Patxot

Aasociación Amizade presentaba por Rexistro un conxunto de emendas á ordenanza municipal reguladora do servizo municipal de taxi do Concello de Pontevedra. Estas emendas pretenden incorporar aspectos que garantan a accesibilidade ás persoas que presentan mobilidade reducida.

A entidade fai especial fincapé no servizo de "coche de punto" e propón que se incorpore un novo artigo no que se mencione a prestación do servizo con vehículos adaptados. Con esta medida, a asociación quere que o Concello acorde que as novas licenzas que se autoricen ou se renoven presten obrigatoriamente esta modalidade de servizo.

Tamén solicitan que se incorporen cuestións xa recollidas na lexislación autonómica e, por tanto, de obrigado cumprimento. Con esta inclusión, a asociación que preside Paulo Fontán entende que se dotará de maior claridade á ordenanza e ofrecerá máis seguridade xurídica a todos os operadores.

Amizade tamén propón incorporar na normativa que os vehículos adaptados poidan permanecer en servizo ata 12 anos, cando o resto de vehículos non poden superar os dez; que se estableza un calendario que garanta que os taxis adaptados teñan preferencia para situarse nas primeiras prazas nas paradas; que haxa dispoñibilidade destes vehículos durante as 24 horas do día e os sete días da semana; ou que a non atención á demanda dun servizo con vehículo adaptado constitúa unha infracción moi grave.

As emendas incorporan un informe xurídico que apoia estas peticións para a ordenanza e, por este motivo, Amizade espera que se introduzan antes da aprobación do texto da ordenanza no que traballa o goberno local.