Amizade denuncia graves carencias de accesibilidade no Pazo Besada

Poio
30 de outubro 2024
Actualizado: 17:17

A asociación de persoas con discapacidade da comarca de Pontevedra, Amizade, enviou un escrito a Ángel Moldes, alcalde de Poio, denunciando as deficiencias no edificio sede de Benestar Social

Pazo Besada
Pazo Besada / Concello de Poio

Amizade, asociación de persoas con discapacidade da comarca de Pontevedra, denuncia graves problemas para acceder ao Pazo Besada no municipio de Poio.

Por este motivo, segundo expón o colectivo que preside Paulo Fontán, enviaron un escrito ao alcalde de Poio, Ángel Moldes, denunciando estas deficiencias nun edificio que, ademais, é a sede das dependencias de Benestar Social do Concello.

Sinalan a inexistencia de prazas de estacionamento para persoas con mobilidade reducida, un pavimento excesivamente rugoso que dificulta os desprazamentos e zonas con verdín que resultan perigosas por ser escorregadizas.

Un dos aspectos máis preocupantes é que as persoas con mobilidade reducida vense obrigadas a utilizar unha entrada lateral alternativa, o que resulta discriminatorio, segundo alertan.

Ademais, esta porta non pode abrirse desde o exterior e conta cun timbre que non funciona correctamente, o que obriga ás persoas usuarias a agardar á intemperie ata que alguén abra.

"Non resulta admisible que as instalacións que acollen as dependencias de benestar social non sexan un exemplo de accesibilidade", subliñan desde a asociación.

Lembran que moitas persoas con discapacidade deben acudir a estas instalacións para realizar trámites esenciais, como os relacionados coa dependencia.

A organización solicitará unha xuntanza co alcalde para establecer un calendario concreto de actuacións que solucionen estas deficiencias, comprometéndose a supervisar o seu cumprimento.

Amizade móstrase disposta a colaborar co Concello de Poio para acadar un municipio máis inclusivo.