Miles de persoas soportaron unha xornada calorosa para acudir ata a parroquia de San Mamede de Amil, en Moraña. Como manda a tradición, este primeiro domingo despois do 8 de setembro celebrábase o día grande desta popular romaría.
Desde as 06.00 horas oficiábanse novenas cada sesenta minutos. E ás 13.00 horas, os fieis asistían á misa solemne, moitos deles deixando diñeiro na figura da Virxe, para despois dar paso á habitual procesión polo campo de santuario en homenaxe á nosa Señora dos Milagros de Amil.
A xornada de festa desenvolveuse cos habituais postos de venda de produtos típicos e gastronómicos. Ás 21.00 horas, a Banda de Música de Vilanova protagoniza un concerto aos asistentes. Moitos deles volveron peregrinar durante a noite desde distintos puntos da provincia ata chegar á capela e asistir ás misas da madrugada.
Os fieis volveron mollarse e a beber na fonte de auga santa ao pé da escalinata dos cen chanzos que conduce á igrexa. Segundo a lenda, esta fonte foi construída por un ancián no século XVII. O home, impedido para ir buscar auga para regar a horta rogou axuda á Virxe, que creou un manancial xunto á casa deste veciño. Este chafariz de auga é coñecido como a Fonte de Rozavella.