O sábado 28 de outubro está previsto que veciñanza de Moraña e integrantes do colectivo 'Amil Sen Eólicos' protagonicen un acto na Casa da Cultura de Amil para presentar o 'Manifesto contra o espolio dos nosos montes e os seus bens', un traballo colectivo para denunciar a construción do polígono eólico Acibal.
Máis de cincuenta persoas relacionadas coa investigación etnográfica e medio ambiental; a arqueoloxía ou as artes asinan o manifesto para mostrar a súa oposición á implantación de parques eólicos e á forma en que proceden as empresas promotoras e, segundo denuncian, co beneplácito da Xunta de Galicia.
O acto iniciarase ás 19.00 horas e desenvolverase un debate aberto sobre as enerxías renovables e a protección do patrimonio natural, cultural, hídrico, gandeiro, paisaxístico e forestal.
Amil Sen Eólicos lembra que o patrimonio de Moraña está ameazado por polígonos eólicos e liñas de alta tensión que se proxectan en montes como o de Acibal, onde se atopan cincuenta gravados rupestres e unha ampla zona húmida. Unha situación que, segundo o colectivo, tamén afecta os montes de Campo Lameiro, considerada unha das maiores concentracións de petróglifos en Europa.
Co manifesto piden a paralización das obras do parque eólico do Acibal ante a posible destrución de bens patrimoniais; revisión dos proxectos de macroeólicas en zonas arqueolóxicas; respectar a soberanía municipal que rexeita a instalación no seu territorio de aeroxeradores; maior compromiso das administracións; e unha demanda de conservación dos espazos naturais para garantir a biodiversidade.