Amil Sen Eólicos presenta unha denuncia ante a Fiscalía polo proxecto do Monte Acibal

Pontevedra
22 de maio 2023

Na denuncia consta o que este colectivo considera unha "insuficiente avaliación do impacto do proxecto eólico sobre o patrimonio cultural existente na área" despois de que integrantes de Amil Sen Eólicos atoparan máis de 40 posibles elementos patrimonias na zona onde están previstas as obras

Elementos patrimoniais detectados no Monte Acibal
Elementos patrimoniais detectados no Monte Acibal / Amil Sen Eólicos - Lucas Andión

Integrantes do colectivo Amil Sen Eólicos presentaban este luns unha denuncia ante a Fiscalía de Medio Ambiente de Pontevedra nos Xulgados da Parda con motivo do proxecto de construción dun polígono eólico no monte Acibal.

Consideran que este proxecto atenta contra o patrimonio cultural e natural da zona. Por esta razón, no escrito explican a aparición do primeiro petróglifo o 19 de marzo por parte de residentes na zona, un feito que segundo os representantes do colectivo reflicte a "insuficiente avaliación do impacto do proxecto eólico sobre o patrimonio cultural existente na área".

Recóllese tamén que, durante os días seguintes, se atoparon máis de 40 posibles elementos patrimoniais na zona onde están previstas as obras. Estes achados foron trasladados ao Servizo de Protección da Natureza (Seprona) e a distintos departamentos da Xunta de Galicia, segundo indican.

Alertan de que por parte da Consellería de Patrimonio e outras consellerías competentes nesta materia segue sen haber resposta ás solicitudes realizadas sobre esta situación. Ante este silencio, solicitaron un ditame á Real Academia Galega de Belas Artes no que se indica que o monte Acibal non é un lugar adecuado para a instalación do polígono eólico debido á súa riqueza arqueolóxica, coa posibilidade de que poidan aparecer máis elementos e a afectación que causaría na festa tradicional da Baixa das Bestas.

Un informe de Xulio Carballo, arqueólogo xa retirado de Patrimonio da Xunta, tamén sinala a condición de xacemento da zona e alerta de que a construción do polígono deixaría ao espazo arqueolóxico rodeado de instalacións industriais de 200 metros de altura.

Arquivado en