Amigos de Pontevedra premia aos campións internacionais Silvia Aguete e Pablo Dapena

Pontevedra
01 de agosto 2019

A cerimonia celebrarase o 10 de agosto cunha comida no Pazo de Congresos da cidade e os interesados en asistir poden retirar as invitacións ata o 8 de agosto

Premiados da 48 edición dos premios Amigos de Pontevedra
Premiados da 48 edición dos premios Amigos de Pontevedra / Mónica Patxot

Amigos de Pontevedra celebrará a súa tradicional cerimonia de entrega de premios a personalidades relevantes da cidade o próximo 10 de agosto no Pazo de Congresos. Pero a asociación xa anunciou este xoves o nome dos sete premiados da cuadraxésimo oitava edición, entre os que sobresaen dúas figuras internacionais do deporte da cidade: Silvia Aguete e Pablo Dapena. Ademais, tamén serán condecoradas Montserrat Iglesias, Victoria Arosa, Miguel Domínguez, Jesús Rodríguez e a editorial Kalandraka.

O xornalista pontevedrés Xabier Fortes foi o encargado de anunciar a decisión da asociación. Aínda que antes quixo lembrar ao exfutbolista do Pontevedra, Rafael Ceresuela, e ao expresidente de Amigos de Pontevedra, José Luís Fernández Sieira. Ambos os falecidos este ano.

As razóns polas que elixiron os sete premiados céntranse principalmente na súa traxectoria laboral, o seu amor pola cidade e a promoción da mesma que fan de forma constante. Silvia Aguete Outón é a gardameta do Poio Pescamar e da Selección Española coa que foi campioa de Europa e elixida mellor porteira do mundo. Victoria Arosa Ramírez, perruqueira desde os catorce anos e fundadora da coñecida perruquería Vitoria. Montserral Iglesias Santos é licenciada en filoloxía hispánica e doutora en teoría da literatura comparada, ademais exerce como directora nacional do Instituto Nacional de Artes Escénicas.

No lado masculino, as razóns que levaron a seleccionar ao triatleta Pablo Dapena non se limitan soamente á súa traxectoria deportiva, cunha medalla de ouro e outra de prata en mundial de longa distancia. Tamén por levar o nome de Pontevedra e presumir da súa cidade por todo o mundo. Miguel Domínguez Vaz é traumatólogo e dirixiu o crecemento do Hospital Miguel Domínguez ata convertelo en referente da medicina concertada na provincia. A súa implicación coa vida social pontevedresa tamén é destacada, pois foi presidente do equipo de Pasarón e chegou a ser vicepresidente da Deputación. O xornalista deportivo Jesús Rodríguez, coñecido como Observador, é un referente no balonmán pontevedrés que lle levo a recibir a insignia de ouro do Teucro e da Real Federación Española de Balonmán.

Cada edición Amigos de Pontevedra honra a unha entidade colectiva, este ano a elixida foi a editorial Kalandraka, referente no álbum ilustrado en galego e castelán. Un labor que lle serviu para recibir o premio nacional á mellor editorial española.

Lembran desde a asociación que aqueles interesados en asistir á cerimonia teñen ata o 8 de agosto para retirar as invitacións en Almacéns Clarita, Vermutería A Fabulosa, Hotel Comercio e Cafetería Blanco e Negro.