Amigos da Dorna acusa a Portos de Galicia de perseguir as embarcacións tradicionais

Sanxenxo
05 de agosto 2021

Desde o colectivo de Portonovo lamentan que o ente público empresarial se negue a renovar a autorización para o amarre das embarcacións da asociación, que tería como consecuencia a expulsión destes barcos tradicionais da dársena do municipio de Sanxenxo

Pantaláns de Portonovo con embarcacións recreativas e tradicionais
Pantaláns de Portonovo con embarcacións recreativas e tradicionais / Asociación Amigos da Dorna

A Asociación de Amigos da Dorna mostra o seu malestar ante Portos de Galicia despois de que o ente público empresarial se negue a renovar a autorización para o amarre das súas embarcacións que a asociación mantiña desde o ano 2017.

Segundo denuncia este colectivo, a decisión adoptada por Portos de Galicia supoñería a práctica expulsión dos barcos tradicionais da dársena situada en Portonovo. 

Lembran que xamais sufriran esta situación nos últimos 25 anos, desde a creación da asociación en 1997. Afirman tamén que estas embarcacións xa fondeaban en Portonovo antes da instalación dos pantaláns e nos últimos 17 anos amarraban nesas pasarelas de maneira ininterrompida.

Ante o cambio de criterio, Amigos da Dorna considera a actitude de Portos de Galicia un exemplo de "persecución e abuso de poder".

Indican tamén que o espazo que ocupaba a asociación ata 2020 xa foi destinado a novos amarres para barcos recreativos. O colectivo deduce que existe un "claro interese económico detrás desta decisión" e lembran que Amigos da Dorna pagou sempre todos os recibos remitidos por parte de Portos.

Sinalan que o organismo que preside Susana Lenguas vulnera o Plan de Espazos e Usos Portuarios autorizando amarres irregulares pero "que lle resultan moi rendibles".

Amigos da Dorna denuncia tamén que desde 2017, o ente público non responde os seus escritos e, por tanto, consideran que se atopan nunha posición de "total indefensión". Consideran tamén que desde Portos qeren crear un conflito entre usuarios do porto no seu beneficio. "Non imos marchar de Portonovo, mal que lle pese a Portos de Galicia", conclúen asegurando que este espazo debe xestionarse pensando na veciñanza e non só cunha visión mercantil.