Con motivo do Día Mundial da Parálise Cerebral, que se celebra este 4 de outubro, Amencer-ASPACE organizou un acto na súa nova vivenda residencial en Pontevedra, situada no Centro Sur, na rúa Luis Braille,
Baixo o lema "Envellecer. Decidir. Vivir" pretenden visibilizar as necesidades do colectivo e concienciar sobre a importancia de ofrecer apoios flexibles e personalizados.
Mónica Touriño, xerente de Amencer-ASPACE, explicou que "quixemos facer este acto nunha vivenda residencial coa que contamos en Pontevedra para dar a coñecer este recurso tan importante".
Segundo Touriño, "as persoas con parálise cerebral, de acordo cos estudos, envellecen a partir dos 35 anos, e moitas das que veñen a unha residencia están neste proceso".
A nova vivenda residencial, que comezou a funcionar en setembro, está destinada a persoas con grandes necesidades de apoio xa que algúns usuarios "teñen situacións moi complexas nas que é moi difícil a atención no domicilio".
"Para nós é o recurso máis importante co que pode contar unha persoa con parálise cerebral, sobre todo aquelas que teñen grandes necesidades de apoio", afirmou Touriño.
A residencia dispón de 12 prazas públicas concertadas coa Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, das cales 10 xa están ocupadas.
Agardan completar as 32 prazas do centro antes de finais de decembro. Aínda que a residencia está autorizada para esa cifra, as necesidades específicas de equipamento dalgunhas persoas usuarias poden reducir esta capacidade, segundo explicaba a xerente do colectivo.
Touriño subliñou a importancia do concerto público das prazas: "O custo dunha praza é moi elevado para pagar de maneira privada, porque o perfil das persoas con parálise cerebral precisa de apoios durante todo o día e require de moito persoal e recursos. Se non son públicas, son de moi difícil acceso".
O acto conmemorativo conttou coa presenza de Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, e Ana Gulías, concelleira de Benestar Social, que visitaron o centro para coñecer o seu funcionamento e o modelo de atención centrado na persoa.
Amencer-ASPACE aproveita esta xornada para demandar ás Administracións Públicas un maior compromiso na financiación adecuada de vivendas residenciais para as persoas con grandes necesidades de apoio, así como o impulso da figura do asistente persoal como apoio clave para a promoción da vida independente.