Amencer-Aspace organiza unha gala solidaria para adquirir novas bicicletas adaptadas

Pontevedra
14 de setembro 2018

O Pazo da Cultura de Pontevedra acollerá este evento solidario, o vindeiro sábado día 22 de setembro ás 21:00 horas

Handbike
Handbike

O Pazo da Cultura de Pontevedra acollerá o vindeiro sábado, 22 de setembro, un espectáculo benéfico para recadar fondos en favor do Proxecto Rodando, que impulsa na cidade de Pontevedra Amencer-Aspace xunto con Pedaladas e Discamino.

A finalidade deste festival é recadar fondos para contar cun número de bicicletas adaptadas suficientes para os 15 usuarios actuais do Rodando. Estas bicis teñen tipoloxías diferentes, adaptadas ás capacidades de cada un.

Desde que iniciou a súa andaina no ano 2016 Rodando xa conseguiu adquirir bicis diversas: unha duet, un triciclo e unha copilot. Pero agora están a loitar por conseguir unha handbike, un triciclo mediano e unha joellete.

Este concerto contará cun completo e variado cartel formado por múltiples artistas de disciplinas moi diferentes que farán pasar ao público un intre moi agradable:

  • Escola de Danza Deborah Alfaya (ballet, moderno e contemporáneo)
  • Escola de Danza Noemí Miúdos (danza oriental)
  • Las chicas de oro (sevillanas)
  • Estudo de Danza LJ (bailes latinos e afro latinos)
  • Pedro Acosta (cantante e percusionista)
  • Luizinho e Ariadne (participantes de Got Talent España)
  • Joao Arriegas (participante Got Talent Portugal)
  • Andrea May (cantante de jazz)
  • Guillermo Castro (cantante galego de bachata)

 

Amencer-Aspace é unha asociación formada por familias con fillos que padecen parálise cerebral, fundada en Pontevedra hai máis de 25 anos. Conta con tres centros educativos e de día, en Campolongo, Lourizán e Vilagarcía.