Amencer-ASPACE conmemora o Día Mundial da Parálise Cerebral con actividades de concienciación en centros educativos

Pontevedra
05 de outubro 2023

En Pontevedra, alumnos do Colexio de Educación Especial de Amencer-ASPACE en Lourizán trasladáronse ao CEIP Vilaverde, e alumnos do Centro de Atención Integral Princesa Letizia foron ao CEIP Julio Camba de Vilagarcía

Amencer-ASPACE conmemora o Día Mundial da Parálise Cerebral no CEIP Vilaverde
Amencer-ASPACE conmemora o Día Mundial da Parálise Cerebral no CEIP Vilaverde / Amencer-ASPACE

Amencer-ASPACE conmemorou o Día Mundial da Parálise Cerebral achegando a realidade do colectivo á comunidade educativa. 

En Pontevedra, alumnos do Colexio de Educación Especial de Amencer-ASPACE en Lourizán trasladáronse ao CEIP Vilaverde, en Mourente, para participar nunha xornada de convivencia con alumnado de segundo curso de primaria.

Compartiron a lectura teatralizada do conto 'Leotolda', onde puideron ver os sistemas de comunicación alternativos que moitas persoas con parálise cerebral utilizan para relacionarse no seu día a día.

Unha vez finalizada a lectura, todos os participantes colaboron na creación dun cadro onde se simbolizará a importancia da atención temperá para o desenvolvemento dunha persoa.

Os alumnos de Amencer-ASPACE en Vilagarcía de Arousa sumáronse tamén a estas actividades de divulgación e concienciación. Acudiron acompañados por profesionais do Centro de Atención Integral Princesa Letizia ao CEIP Xulio Camba onde realizarán a actividade "Inclusión á inversa", onde os alumnos de primaria puideron experimentar en primeira persoa cal é o día a día das persoas con parálise cerebral probando como é moverse nunha cadeira de rodas, utilizar un sistema de comunicación alternativa ou algo tan básico como comer e beber.

Esta iniciativa forma parte da campaña "Nacín para Vivir a Vida", posta en marcha a nivel nacional pola Confederación ASPACE. 

Nesta ocasión, incidiron na atención temperá e a importancia vital que ten no desenvolvemento das persoas con parálise cerebral para a mellora da súa calidade de vida.