Amencer-Aspace, a empresa Lago ou a centenaria 'Lulú', nos premios Amigos de Pontevedra 2016

Pontevedra
02 de agosto 2016

O 13 de agosto tamén serán recoñecidos a produtora e guionista de cinema e televisión Teresa Fernández-Valdés Calderón, de Bambú Producións; o ex director da Sociedade Polifónica de Pontevedra José Verea Montero; o médico e escultor Alberto Rodríguez Costa; e o tenente xeral do Exército de Terra José Manuel García Sieiro

'Lulú' coas súas amigas no banco no que é habitual vela na praza da Ferrería
'Lulú' coas súas amigas no banco no que é habitual vela na praza da Ferrería

Chegan as festa da Peregrina e con elas unha cita ineludible é a entrega dos premios Amigos de Pontevedra, que desde hai 45 anos recoñecen o traballo de persoas e entidades que, dalgunha forma, "por prestixio ou traballo, contribuíron ao engrandecimiento da nosa cidade". Este ano 2016, a asociación 'Amigos de Pontevedra' decidiu premiar a cinco persoas, unha asociación social e unha empresa. 

A empresa premiada este ano é Lago Aves, Ovos e Caza, S.A., situada en Campañó e a entidade é a asociación de atención a persoas con parálise cerebral e afíns Amencer-Aspace. A título individual, será recoñecida a figura da centenaria Luisa Vázquez de Silva, 'Lulú', unha habitual en puntos neurálxicos da vida social na cidade como a praza da Ferrería; a produtora e guionista de cinema e televisión Teresa Fernández-Valdés Calderón, de Bambú Producións; o ex director da Sociedade Polifónica de Pontevedra José Verea Montero; o médico e escultor Alberto Rodríguez Costa; e o tenente xeral do Exército de Terra e ex director xeral do Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial (INTA) José Manuel García Sieiro

Con esta iniciativa preténdese enxalzar e recoñecer o traballo realizado por estas persoas e entidades a través de diferentes disciplinas como a educativa, deportiva, institucional ou social e ao longo destes útlimos 44 anos galardoou a médicos ilustres, profesionais de distintas disciplinas, deportistas, novas promesas, empresarios ou persoas da rúau que se destacaron polo seu amor á cidade, como é o caso, este ano, de 'Lulú.

A homenaxe dos 'Amigos de Pontevedra' aos pontevedreses máis destacados de cada ano realízase no marco dunha comida xa tradicional na véspera da Peregrina, neste caso, o sábado 13 de agosto. A comida está prevista para as 14.00 horas no restaurante do Pazo da Cultura e, ao seu termo, producirase a entrega das distincións. 

Os cartóns para asistir á comida homenaxe poderanse recoller antes do día 11 de agosto en Almacéns Clarita, cafetería Center Soportais, cafetería Blanco y Negro, hotel Comercio e Provenza, na rúa Manuel Quiroga.