O Comité de Empresa da factoría de Ence en Lourizán fixo público este mércores un ultimato á dirección da compañía, advertindo da convocatoria de folga se non se atenden as súas demandas urxentes en materia de seguridade laboral, xestión de persoal e invstimentos nas instalacións.
Tras meses de negociacións infrutuosas e máis de trinta denuncias ante a Inspección de Traballo, os representantes dos traballadores estableceron un conflito colectivo e advirten dunha situación "insostible" que pon en risco a seguridade do cadro de persoal.
"Demandamos un cambio urxente na xestión da dirección da fábrica e nas políticas de inversión da empresa, tanto por cuestións de seguridade e saúde para o persoal como de viabilidade das instalacións da fábrica a futuro", explicou Omar Vázquez, secretario do comité, nunha comparecencia ante os medios de comunicación con todos os delegados das forzas sindicais que integran o comité no que ten maioría CCOO con sete delegados, mentres CIG e UGT contan con tres cada un.
O responsable sindical alertou sobre o deterioro das instalacións: "Temos unha necesidade extrema de inversión real e dunha xestión e realización efectiva do mantemento que se leva postergando anos coa boa escusa do risco de peche político da factoría".
Segundo aclaraba Vázquez, "somos unha industria química con maquinaria de risco.Hai que tomar medidas de seguridade colectiva para que non se expoña os traballadores". Reclamou especial atención ás estruturas de formigón e polos espazos por onde camiña o persoal da fábrica.
O secretario do comité denunciou que no día a día do traballo "normalizouse a incidentalidade fóra de estatística". Denuncian tamén a falta de limpeza industrial, as instalacións obsoletas e manobras de operación que xeran unha precariedade, penosidade e exposición a riscos nunca antes vista na fábrica.
A estas deficiencias súmanse "as carencias na roupa de traballo e falta de espazos dignos para o persoal".
Pola súa banda, o presidente do comité, Santiago Cerqueiro, incidiu nos problemas de xestión de persoal: "a dirección non atende ás nosas demandas de persoal para un correcto funcionamento das instalacións, tanto das que temos en marcha como as que se fixeron no tema de ósmose", apartado onde si recoñece que se fixo un importante investimento para a xestión da auga da factoría.
Cerqueiro amosou especial preocupación pola "alta rotación do persoal eventual" e a contratación "día a día" de traballadores novos que hai que formar para que despois só se manteñan un ano na empresa.
"Danos a impresión de que a dirección non cumpre na previsión das compras e pon en dúbida o compromiso cos produtores forestais locais e a súa estratexia de mercado", engadiu Cerqueiro, quen relacionou a falta de madeira coa ralentización da produción en Lourizán durante o último mes.
Esta situación supón, segundo explicou, unha "merma económica" para os traballadores..
RESPOSTA DA EMPRESA
Ante estas acusacións, Ence defendeu a súa xestión asegurando que investiu máis de 200 millóns de euros na planta de Lourizán na última década.
A empresa subliña que destinou 15 millóns en 2024 e prevé outros tantos para 2025 en "melloras das instalacións e a eficiencia do complexo industrial".
Ademais, anunciou o proxecto "Pontevedra Avanza", que contempla unha inversión de case 120 millóns no marco estratéxico 2024-2028, máis outros 75 millóns para "actuacións de reposición, mantemento e actualización tecnolóxica".
Explican que foi necesario incrementar o persoal substituto debido a unha taxa de absentismo próxima ao 9%. Estes empregados reciben unha formación de entre un e seis meses antes de ocupar o posto.
O salario medio na biofábrica sitúase nos 57.000 euros anuais, duplicando a media do sector industrial en España.
Alegan que, como resultado do novo convenio colectivo, en 2024 incorporáronse 14 persoas con contrato indefinido.
En materia de seguridade, a empresa destaca que o índice de accidentalidade (0,86 en 2024) está cinco veces por baixo da media do sector manufactureiro españo.
En canto ao subministro de madeira, a empresa nega problemas tanto na fábrica de Navia como en Pontevedra, asegurando que atendeu todos os pedidos e incrementou o stock de celulosa. A fábrica pontevedresa aumentou a súa produción nun 16% en 2024
Malia todo, o comité establece un prazo aproximado dunha semana para que a empresa atenda as súas demandas.
Explican que os investimentos fundamentais foron realizados antes de 2018 pero que na actualidade só se realizan achegamentos económicos para o "día a día" sen perspectiva de futuro.
"Eu penso que por Pontevedra seguen apostando, o problema é a xestión, porque non é a oportuna", matizou Cerqueiro apuntando que "somos unha empresa rendible, de futuro, é unha boa empresa. O problema está na xestión e isto hai que solucionalo canto antes".
A asemblea de traballadores xa ratificou a convocatoria de varias xornadas de folga se non hai un achegamento ás súas demandas, esta decisión, segundo os representantes sindicais, contaría cun seguimento masivo por parte do cadro de persoal de fábrica que se sitúa en arredor de 250 traballadores.
Nos vindeiros días está prevista tamén unha comparecencia do persoal das empresas auxiliares de Ence para denunciar as precariedades laborais que sofren.