Ambulancias de Pontevedra, empresa escollida ata outubro para realizar o servizo de transporte na área sanitaria

Pontevedra
05 de agosto 2024

O Consello da Xunta abordou este tema na súa reunión semanal, garantindo así a continuidade dun servizo esencial tras a renuncia de Ambulancias Civera, empresa que estaba a realizar este traballo, por falta de liquidez. A nova contratación conta cun importe total de 1.015.632 euros

Ambulancias
Ambulancias / Mónica Patxot

A Xunta de Galicia aprobou este luns 5 de agosto a contratación de emerxencia do servizo de transporte sanitario terrestre non urxente e hospitalario urxente na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés.

Esta medida será efectiva dende o 1 de agosto ata o 30 de setembro, momento no que se activará o novo contrato.

O Consello da Xunta abordou este tema na súa reunión semanal, garantindo así a continuidade dun servizo esencial tras a renuncia de Ambulancias Civera por falta de liquidez.

O persoal de Ambulancias Civera viña denunciando durante os últimos meses as numerosas carencias que esta empresa estaba a ofrecer en canto á realización do servizo en cuestións como material, calidade dos vehículos e problemas no pagamento dos salarios.

A nova contratación, cun importe total de 1.015.632 euros, será xestionada por Ambulancias de Pontevedra, S.L.

Esta acción asegura unha asistencia completa e adecuada aos pacientes durante o período de transición ata a posta en marcha do novo contrato recentemente licitado, que conta cun orzamento de 12,1 millóns de euros.