Ambulancias Civera continúa co servizo de transporte programado en Pontevedra ao quedar deserto o concurso

Pontevedra
21 de maio 2024

O luns 20 ás 14.00 horas pechábase o prazo para presentar ofertas sen que ningún empresa fixera propostas. Ambulancias Civera continuará proporcionando o servizo ata que se realice unha nova convocatoria. Representantes sindicais agardan que melloren as condicións económicas deste contrato para que opten empresas do sector

Protesta de traballadores de Ambulancias Civera
Protesta de traballadores de Ambulancias Civera / Mónica Patxot - Arquivo

Este luns 20 ás 14.00 horas pechouse o prazo para presentar ofertas no concurso de adxudicación do servizo de transporte programado de ambulancias para a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. Non se presentaron empresas.

Como consecuencia, Ambulancias Civera, actual adxudicataria, seguirá realizando este transporte ata que o Servizo Galego de Saúde volva convocar un novo concurso. Trátase da segunda vez en que o concurso queda deserto.

Xavier Aboi, representante do sindicato CIG, entende que é necesario un maior investimento económico por parte da Xunta de Galicia para resolver esta ausencia de empresas interesadas no concurso. "Con sete ou oito millóns de euros resolven a situación actual deste servizo en Galicia", comenta o sindicalista, que recoñece que "coas actuais condicións non se presenta ninguén".

"Empresas interesadas e serias de aquí hainas", asegura Aboi reclamando unhas mellores condicións de cara a unha nova licitación do servizo.

Durante os últimos meses repetíronse situacións de conflito laboral en Ambulancias Civera, empresa valenciana, polas condicións en que traballa o persoal e con atrasos no pago das nóminas, entre outras denuncias que realizan os traballadores.

Indican que .na actualidade, doce ambulancias dunha frota de menos de corenta vehículos que posúe a empresa para realizar os servizos de transporte programado na área sanitaria permanecen en reparación en distintos talleres da comarca.