Se sentes paixón por unha boa cervexa, tes unha cita obrigada na Praza de España durante toda este fin de semana. Alí celébrase desde este venres a segunda edición de Pontus Lupulus, a feira da cervexa artesanal de Pontevedra.
Cunha oferta de máis corenta cervexas artesás, fabricadas por unha decena de produtores galegos, Pontus Lupulus abriu as súas portas coa intención de seguir fomentando a cultura cervexeira na cidade.
En concreto, son nove as compañías artesás que participan nesta feira. Son Cervexa Menduiña, Saramagal, Cervexa Artesanal NOS, Cata Craft Beer, Cervexa Artesanal Áncora, Cervexas Meiga, Galponbier, Santo Cristo e Kel’s.
Os prezos serán populares e poderanse degustar estas cervexas, en barril ou botella, a partir de dous euros.
Con cada consumición, os consumidores recibirán unha invitación para a feira Etiqueta Negra, un evento de produtos gourmet feitos en Galicia que se celebrará en Pontevedra en novembro.
Ademais, os asistentes teñen á súa disposición unha ampla oferta gastronómica e numerosas actividades paralelas. Tamén hai música. No seu primeiro día, os encargados de amenizar a feira foron Mike Grelo e curmán. Este sábado será a quenda de Gonzalo Arca e Pumuky and the Puts e, xa o domingo, Dead Wood e Eladio dos Santos.