Amalia Bóveda: "Se queremos un futuro distinto, precisamos dunha memoria distinta, na sociedade e nas administracións"

Poio
17 de agosto 2021

85 anos despois do fusilamento de Alexandre Bóveda, o monte da Caeira volveuse converter este 17 de agosto nun lugar de memoria. Ao igual que nos últimos anos, o aniversario  aproveitouse para reclamar a institucionalización do Día da Galiza Mártir. Por primeira vez desde que se celebra en Poio, acudiu un líder do PP de Pontevedra

Acto central do Día da Galiza Martir 2021 na Caeira
Acto central do Día da Galiza Martir 2021 na Caeira / Mónica Patxot

85 anos despois do fusilamento de Alexandre Bóveda, o monte da Caeira volveuse converter este 17 de agosto nun lugar de memoria. O monumento creado no seu recordo volveu ser o epicentro das celebracións organizadas por toda Galicia para lembrar a súa figura e conmemorar o Día da Galiza Mártir.

En Pontevedra e Poio tamén se organizaron actos no cemiterio de San Amaro e na praza de Curros Enríquez, pero o que coincide co punto no foi executado volveu ser o máis simbólico e, un ano máis, tamén o máis reivindicativo. Ao igual que nos últimos anos, o aniversario rematou cunha ofrenda floral e aproveitouse para reclamar a institucionalización do Día da Galiza Mártir.  

A conmemoración do Día da Galiza Mártir, instaurada polos galegos no exilio en 1942 en Bos Aires, ten o seu acto central na Caeira desde hai 25 anos, tal e como lembrou a concelleira de Memoria Histórica de Poio, Marga Caldas. Como cada ano desde 1996 -agás o parón de 2020 obrigado pola pandemia-, a edil nacionalista reclamou que "hoxe é día de dar voz a todas esas historias silenciadas, para por nome e apelidos aos milleiros de mortos e desaparecidos durante a represión franquista".

Amalia Bóveda, filla de Alexandre Bóveda, coincidiu con esta petición da concelleira de Poio e sinalou que esta simbólica data "vai moito máis aló da figura de Alexandre" e debe servir para lembrar a todos os mártires, pois para a súa celebración hai "tantos motivos como mártires temos".

A filla de Bóveda lembrou que este día "precisa de institucionalización" e reiterou unha reclamación de reparación, verdade, xustiza e non repetición. Insistiu tamén en que "se queremos un futuro distinto, precisamos dunha memoria distinta tamén, tanto na sociedade como nas administracións, e iso tamén se simboliza" con actos como o celebrado cada 17 de agosto. 

Marga Caldas, que abriu o acto, manifestouse na mesma liña e insistiu na necesidade de que o 17 de agosto sexa recoñecido pola Xunta de Galicia como un día dos mártires galegos "para facer cumprir a memoria de Bóveda, pero para facer cumprir tamén a memoria de todas as mulleres e homes mártires galegos pola súa liberdade e por xustiza democrática".

"Recuperemos a memoria desde todos os ámbitos da sociedade, recuperemos a liberdade de decidir, loitemos por esa Galiza libre pola que loitaba Bóveda, honesta e independente, esa Galiza pola que Bóveda deu a súa vida", afondou Marga Caldas, que sinalou a importancia deste día "para non dar ao esquecemento, para loitar contra a impunidade, para representar a inxustiza perpetuada contra un pobo, para recuperar a memoria das mulleres e dos homes que viviron asoballados por defender aquilo no que crían".

Caldas reivindicou unha "Galiza libre" porque 85 anos despois do levantamento militar "seguimos presenciando como as administracións estatais e autonómicas seguen sen devolvernos o que nos foi expoliado", pero tamén tivo unha lembranza especial para o recente logro do momento memorialista, pois "grazas ao movemento civil galego recuperamos o Pazo de Meirás", en alusión ás dúas sentenzas xudiciais que devolveron ao Estado a propiedade deste Pazo que durante a Ditadura foi residencia de verán de Franco en Sada e ata 2020 permaneceu en mans dos seus herdeiros. 

En nome da Fundación Bóveda falou David Otero, que este 2021 lembrouse especialmente das traballadoras e traballadores pola memoria, algúns e algunhas presentes no acto, como a vilagarciá Montse Fajardo. Para todos eles quixo pedir honra e recoñecemento, pois "son compañeiras e compañeiros que achegan contidos á causa da nosa memoria galega democrática" e tamén "loitadoras e loitadores pola verdade" que "divulgan a nosa memoria democrática que se fai antídoto contra o fascismo e antídoto contra a cultura do silencio e contra a educación do non saber, do non preguntar". 

As persoas que traballan pola memoria histórica axudan, segundo Otero, a dicir "non á manipulación da nosa memoria, da nosa historia" e queren achegar á cidadanía ao horror padecido polo terror franquista, ao tempo que "estimulan tránsitos á esperanza, teñen a firmeza en que olvidar é morrer". 

David Otero tamén lembrou a asociación de nova creación Mocidade Galega pola Memoria, pero dedicou a maior parte do seu discurso aos traballadores pola memoria porque "temos o dereito á verdade, a mentira vai ter freo. Hai que falar de vítimas, pero tamén de executores, de torturas tamén pero tamén de torturadores, e as leis seguen na impunidade e na humillación das vítimas, elas e eles procuran as verdades e, como decía Bertolt Brecht, quen non sabe a verdade, é como é, pero quen a sabe e lle chame mentira, é un criminal".

REPRESENTACIÓNS DE TODOS OS PARTIDOS

Ata a Caeira desprazáronse representantes de todos os partidos políticos con representación en Poio e Pontevedra, capitaneados polos alcaldes, Luciano Sobral e Miguel Anxo Fernández Lores, e tamén das fundacións Alexandre Bóveda e Castelao e da asociación Mocidade Galega pola Memoria. 

Non faltaron a líder nacional do BNG, Ana Pontón, a eurodeputada nacionalista Ana Miranda, o deputado Luís Bará, e concelleiros de PSOE, BNG e PP de Pontevedra e Poio. A presenza máis novidosa foi a do presidente local do PP de Pontevedra, Rafael Domínguez. 

Mentres o seu homólogo de Poio, Ángel Moldes, xa acudiu en outras ocasións, Domínguez é o primeiro presidente local do Partido Popular de Pontevedra en acudir a este acto.

En declaracións aos medios de comunicación antes do acto, explicou que o ano pasado non acudiu por "problemas de datas" e que pensa que debe acudir ao acto porque "é un recoñecemento a unha persoa que foi asasinada fai 85 anos" e "o único delito que cometeu foi amar a Galiza e o que temos que facer todos os galegos que amamos a Galiza é estar aquí".