Na noite deste mércores a Policía Local de Pontevedra detectou un bo número de motocicletas estacionadas de forma incorrecta nunha zona da rúa Alameda na que se restrinxiu a circulación e estacionamento de vehículos con motivo das festas da Peregrina. Tras constatar as infraccións, os axentes acudiron a sancionar os vehículos e o guindastre municipal a retiralos, xerando gran expectación entre os numerosos cidadáns que acudiran a gozar das atraccións e actividades festivas ao recinto.
Situacións como esta non están a ser unha excepción este mes de agosto, pois a Policía Local detectou nos últimos días a numerosos condutores infractores que saltan as restricións de circulación e estacionamento establecidas con motivo da celebración das festas, e que afectan fundamentalmente a contorna do recinto festivo das rúas Alameda e Raíña Vitoria.
Fontes oficiais da Policía Local indicaron que os axentes están a vixiar o cumprimento destas restricións tanto in situ no recinto e a súa contorna como a través das cámaras de tráfico instaladas e atopáronse cun alto grao de incumprimento.
O habitual é que os condutores fagan caso ás restricións, que están debidamente sinalizadas, pero hai casos de incumprimentos que chaman a atención. Así, houbo un día en que en tan só media hora sancionaro 30 condutores que circularon pola rúa Alameda a pesar de estar prohibido.
A Policía Local insiste en que para efectuar os cortes de tráfico necesarios para a celebración das festas é necesario poñer en marcha limitacións aos vehículos e que todas elas están sinalizadas con valados e carteis. Esta sinalización circunstancial cumpre unha misión moi importante, en especial, para garantir a seguridade dos peóns.
Todos os vehículos, xa sexan turismos ou motos, que están a ser detectados estes días serán debidamente sancionados segundo marca a norma. O Regulamento Xeral de Circulación no seu artigo 142.2 sanciona con 3.000 euros a modificación, retirada, alteración ou ocultación desta sinalización e no seu artigo 154 sanciona con 200 euros pasar un sinal circunstancial de prohibición.