Oito alumnos de Bacharelato e tres profesores dedicaron o presente curso académico a un proxecto cuxo obxectivo fundamental é que o IES Sánchez Cantón dispuxese dun bo número de sextantes.
O sextante é un instrumento que permite medir ángulos cunha exactitude suficiente como para poder usar esas medidas de ángulos en problemas trigonométricos. De feito, o sextante era o instrumento que mariños e aviadores usaron desde a súa invención (no século XVIII) ata que se introduciu o uso do radar e os sistemas electrónicos, a partir dos anos 40 do século XX.
Fixándose como obxectivo a xeración de sextantes, o proxecto incluíu un apartado no que os alumnos debían investigar a evolución histórica dos instrumentos para medir ángulos en navegación astronómica (cuadrante, ballestilla, astrolabio, cuadrante de Davis, …).
Como forma de dispoñer de obxectos tanxibles e historicamente relevantes, os alumnos construíron en madeira e latón un cuadrante e un astrolabio. Para a súa construción seguiron as instrucións que contén un libro do século XVI (Espello de navegantes de Alonso de Chaves; 1537).
Inicialmente, o proceso para conseguir ter os sextantes comezaba descargando e imprimindo, na impresora 3D do Centro, as pezas dun sextante dispoñible na internet.
Ao montar as pezas comprobouse que tiña tantos defectos que convertían o sextante nun instrumento inútil para ser usado nas aulas. #Ante esta situación, alumnos e profesores decidiron deseñar o seu propio sextante.
Unha vez que se dispuxo dun prototipo impreso, xeráronse moldes de cada peza de sextante e realizáronse 25 reproducións en resina de poliuretano (un material moito máis resistente que o plástico usado na impresión 3D das pezas).
Tres deses sextantes e un molde das pezas foron enviados ao Instituto grego Zanneio Experimental Gymnasio of Piraeus. Ambos os centros teñen previsto realizar actividades de colaboración internacional o curso próximo cos sextantes, con máis Centros europeos se é posible.
O envío dos sextantes ao Instituto grego xorde por mor da realización dunha actividade de modelización do movemento dun coche solar, hai unhas semanas e con alumnos do IES Sánchez que estudan 3º de ESO. O próximo 21 de maio realizarase unha videoconferencia para intercambiar experiencias sobre esta actividade.
Os alumnos participantes no deseño e reprodución do sextante: Óscar Acuña Vázquez, Diego Fernández Fernández, Beatriz Ferradás Pacheco, Javier Ferradás Pacheco, Íria López Gurrea, Lucas Puy Barreabe, Miguel Ángel Rejo López, Manuel Rodríguez Galán, Sara Villar Casalderrey. E os profesores: Jose Benito Búa Ares (Matemáticas), Jaime Rodríguez Abilleira (Debuxo Técnico), Pablo Alonso de Vega (Xeografía e Historia).