Un grupo de alumnos do Instituto Frei Martín Sarmiento de Pontevedra visitou este luns o Parlamento Europeo invitados polo eurodeputado socialista José Blanco. Trátase dunha vintena de alumnos aos cales José Blanco se comprometera a invitar en caso de ser elixido eurodeputado nas pasadas eleccións.
O pasado mes de abril, durante un acto celebrado no Parlamento de Galicia, José Blanco coincidiu cun grupo de estudantes deste Instituto de Educación Secundaria pontevedresa, de visita no Parlamento galego, e tras falar con eles e explicalos que se presentaba ás eleccións europeas, en vista do interese mostrado polos alumnos por coñecer o Parlamento comunitario, comprometeuse con eles a invitalos a visitar Bruxelas en caso de resultar elixido deputado nas eleccións de maio.
Unha vez elixido eurodeputado, púxose en contacto co instituto para cursar o convite a visitar Bruxelas que, finalmente, tivo lugar este mediodía.
Deste xeito, os alumnos deste centro educativo puideron visitar e coñecer máis de preto as instalacións do Parlamento Europeo, a súa historia e o traballo desenvolvido no seu seo polos representantes dos 500 millóns de cidadáns europeos.