O alumnado de primeiro e segundo da ESO do instituto Sánchez Cantón estreou este luns a xincana 'Xogando a descubrir Pontevedra', unha actividade de orientación impulsada polo centro educativo en colaboración co Concello de Pontevedra.
O obxectivo é que os estudantes poñan a proba os seus coñecementos sobre a cidade.
Empregando como base o mapa de orientación cedido polo Club Aromón Pontevedra - Montañeiros Arroelo, a proba vai por niveis, en percorridos asignados para cada grupo-aula.
Cada grupo foi acompañado dun docente que non podía axudalos e que tan só vixiaba que se cumprisen as normas do xogo e de convivencia, e debía atopar, no menor tempo posible, os dez puntos sinalados no mapa.
En cada unha desas localizacións, prazas e lugares emblemáticos do casco histórico da cidade, os rapaces tiveron que localizar e resolver unha pregunta, elaboradas polos diferentes departamentos didácticos e adaptadas a cada nivel.
Os participantes enfrontáronse a preguntas de cada localización relacionadas coas matemáticas, a historia, a lingua, a música ou a física e a química, que nalgúns casos foron mesmo casos cunha resolución práctica.
Mañá martes será a quenda para que os nenos e nenas de terceiro e cuarto da ESO participen nesta xincana de orientación, que ten a súa saída na avenida Raíña Vitoria.