Un grupo de alumnos do Mestrado de Enxeñería Ambiental da Universidade de Santiago de Compostela (USC) coñeceron de primeira man o funcionamento da depuradora de augas residuais dos Praceres.
A actividade enmárcase dentro da conmemoración que fai Augas de Galicia do 'Día Mundial do Retrete', co que pretende concienciar sobre a importancia do saneamento.
Trátase de feito dunha efeméride que se centra nos efectos que unha mala xestión do saneamento pode provocar sobre a calidade das augas subterráneas e, en consecuencia, sobre o medio ambiente e a saúde.
Os alumnos coñeceron de primeira man as intervencións realizadas recentemente na depuradora para mellorar o seu funcionamento, melloras culminadas o pasado mes de xullo e nas que o goberno autonómico investiu 16,5 millóns de euros.
Con esas obras de feito conseguíronse cumprir, sinala a Xunta, co límite de vertedura prevista na lexislación europea, situando os parámetros entre un 60 e un 80% por baixo dos máximos permitidos, chegando a lograr a eliminación, de media, do 90% dos contaminantes e mellorando por tanto a calidade das augas da ría.