Alumnos da Escola de Capataces de Lourizán farán prácticas nos montes privados

Pontevedra
07 de abril 2018

A Asociación de Propietarios de Montes  do Morrazo asinou un convenio coa Escola de Capataces de Lourizán para que os seus alumnos poidan realizar as súas prácticas de estudos nas parcelas desta agrupación

Montes do Morrazo
Montes do Morrazo / Juan Mejuto

A Asociación de Propietarios de Montes  do Morrazo asinou un convenio coa Escola de Capataces de Lourizán para que os seus alumnos poidan realizar as súas prácticas de estudos nas parcelas desta agrupación.

Os alumnos desenvolverán o seu traballo en cinco polígonos da parroquia budetense de Cela e nunha área que bordea a parroquia de Ardán, en Marín.

O seu obxectivo será redactar un proxecto no que definan a ordenación destes montes buscando a prevención fronte aos incendios ou mesmo, posibles beneficios económicos. Para iso determinarán algunhas cuestións como usos ou especies a plantar.

A Asociación de Propietarios de Monte do Morrazo é unha asociación da que forman parte propietarios de leiras situadas nos montes do Morrazo. Ten como finalidade a mellora da produción forestal e a rendibilidade dos montes privados, contribuír ao desenvolvemento social, ambiental e económico da comarca e a creación de emprego.