O alumno do IES Valle Inclán da cidade de Pontevedra Lucas Dacuña Ríos obtivo o segundo posto na XLII Olimpíada Galega de Química da demarcación da Universidade de Vigo.
O gañador foi Iván García Pérez, que cursa estudos no IES Eduardo Blanco Amor de Ourense. O cuarto lugar nesta proba académica foi para Martín Fernández Carballo, do IES Otero Pedrayo de Ourense. Neste mesmo centro tamén cursa estudos Álvaro Castro Galego, que obtivo o sexto posto. Completan o sexteto dos mellores Gael Álvarez Gándara, do IES Primeiro de Marzo de Baiona; que foi terceiro; e Manuel Lemos Peixoto, alumno do Colexio Apóstolo Santiago de Vigo.
A Olimpíada de Química Galega, que pretende fomentar vocacións e desenvolver o espírito emprendedor entre os máis novos, é decana destas probas en España e xerme da Olimpíada Nacional de Química.
Os alumnos clasificados no tres primeiros postos por cada un dos distritos universitarios (A Coruña, Santiago e Vigo) recibirán un galardón e diploma acreditativo. Ademais, todos os participantes recibirán un diploma de participación, como é costume.
O mellores tres mellores de cada demarcación universitaria participarán na XXXVIII Olimpíada Española de Química, que este ano terá como sede da Universidade de Córdoba, do 25 ao 27 de abril de 2025.
"Será unha nova oportunidade para mostrar o talento científico-químico das novas xeracións do alumnado galego que estuda bacharelato nos centros educativos de Galicia e que pronto se incorporarán á Universidade", destaca Manuel Rodríguez Méndez, presidente da Asociación de Químicos de Galicia e decano do Colexio Oficial de Químicos de Galicia, entidades organizadoras desta proba académica.
A Coruña,Lugo, Santiago, Ourense e Vigo acolleron simultaneamente o pasado 14 de marzo as probas da XLII Olimpíada Galega de Química, nas que participaron 188 alumnas e alumnos procedentes de 35 centros educativos de toda Galicia. A proba seguiu os Deseños Curriculares de Bacharelato de Galicia.
A XLII Olimpíada Galega de Química, segundo destaca Juan Sanmartín, vicepresidente da asociación e coordinador da proba, rende homenaxe este ano a Ignacio Ulzueta, un químico apaixonado polo mar que fundou en 1966 a Compañía Española de Algas Mariñas (CEAMSA), no Porriño.
Ignacio Ulzueta, inspirado ao observar ás persoas que recollían algas nas praias galegas, dedicou unha década a investigar as súas aplicacións industriais antes de fundar e establecer CEAMSA. Baixo o seu liderado, esta firma converteuse en pioneira na produción de aditivos naturais derivados de algas.