O alumnado dos institutos Valle Inclán e Sánchez Cantón participou este luns na conmemoración do Día Mundial para a Erradicación da Violencia sobre a Muller.
A mediodía, organizaron un acto conxunto no que o alumnado de ambos os centros educativos formou unha cadea contra ao machismo.
Nesta actividade, coordinada polos departamentos de Igualdade, os estudantes exhibiron mensaxes reivindicativas nas que esixiron igualdade.
Os mozos son conscientes de que os episodios de violencia machista comezan a idades cada vez máis temperás.
Na actualidadeM media ducia de institutos de Pontevedra contan con estruturas permanentes de alumnado que durante todo o curso traballan na promoción da Igualdade na súa comunidade educativa. Son os denominados Consellos da Muller Nova.
Estes consellos están en marcha desde hai tempo, aínda que coa pandemia sufriron un lixeiro estancamento. Agora, trátase de dinamizalos e para iso trabállase en fortalecer a rede de profesorado e tentar implicar ao alumnado dos diferentes centros de secundaria e formación profesional.
O profesorado coincide na necesidade de levar esta temática á aula, especialmente para contrarrestar os contidos que lle chegan aos mozos a través das redes sociais e tamén destacaron que, á hora de abordar a problemática na clase, atopan hándicaps como o rexeitamento de parte do alumnado cara ao feminismo ou as actitudes machistas por parte dalgúns mozos e algunhas mozas.
A falta de apoio de parte do claustro a actividades fóra do temario ou a decisión de limitar a temática a datas sinaladas son outros dos problemas.