A Alameda de Pontevedra converteuse en escenario da edición 2021 da festa Correlingua, que en esta ocasión era presentada pola actriz Isabel Risco coa participación do alumnado de cuarto, quinto e sexto do CEIP Froebel e do colexio Barcelos de Pontevedra. acompañados de profesorado.
A festa da lingua contou tamén coa intervención do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que lembrou aos asistentes que el falou galego desde "ben noviño" e nunca deixou de usar a lingua. Invitou tamén á rapazada a falar sempre galego e non ter vergoña da lingua propia. Tamén asistía o concelleiro de Normalización Lingüística, Alberto Oubiña.
O acto que promove este ano a idea de "inmunizarse co galego" concluía coa actuación da agrupación gañadora do último Cantalingua, a banda cambadesa de Pauliña, que fixo saltar e bailar aos douscentos escolares que se deron cita ante o palco da Alameda.
Todo o evento foi retransmitido porstreaming a través da canle de Youtube do Correlingua para que puidera ser seguido por todas as aulas que quixeran participar na comarca pontevedresa desta edición, que estivo marcada polas limitacións derivadas da situación sanitaria.
Esta actuación forma parte dos oitos concertos que se desenvolven en cidades e vilas galegas, que van acompañados doutras iniciativas como obradoiros de escrita, de regueifas ou de banda deseñada para fomentar o uso do galego entre os menores e evitar a perda de falantes.