Cinco estudantes do ciclo medio e do ciclo superior do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Lourizán (CFEA) colaboran co voluntariado do colectivo Vaipolorío desde este luns 18 ata o 23 de xuño.
A actividade centrarase no coñecemento e a realización de traballos de mellora do Espazo Natual de Interese Local situado en toda a contorna do Gafos na cidade de Pontevedra.
Entre outras iniciativas, estes estudantes realizarán labores de roza dalgún tramo do sendeiro de seis quilómetros, unha zona que se atopa con máis maleza durante estes días debido a que as restricións provocadas polo estado de alarma impediron que os integrantes da asociación Vaipolorío puideran desenvolver estas tarefas durante os últimos meses. O colectivo retomaba durante esta fin de semana os traballos de limpeza e mantenemento do sendeiro do río dos Gafos, na contorna do muíño de Cabanas.
Os alumnos tamén estudarán a diversidade dos diferentes ecosistemas que conforman este espazo protexido. Vaipolorío encargarase de formar o alumando na xestión das ribeiras e na conservación da súa riqueza patrimonial, tanto desde o punto de vista do mantenemento da natureza como da arquitectura tradicional.