O alumnado de 5º e 6º de Primaria do CEIP da Lama participou na solta de 3.000 alevíns de troita organizada pola Asociación Cultural Río Barbeira, na Ponte de San Lourenzo e na Volta do Río, na aldea de San Lourenzo.
A solta destes exemplares procedentes da piscisfactoría da Xunta en Carballedo estivo supervisada en todo momento polo capataz Víctor Rial.
Rial explicoulle aos rapaces que os alevíns de troita que se soltaron tiñan oito meses e tamén lles comentou como funcionaba a piscisfactoría e cal era o cometido que se realizaba alí para conservar e repoboar con especies autóctonas os ríos galegos.
O presidente da Asociación Cultural Río Barbeira, Daniel Vidal, salientou a importancia desta experiencia escolar como xeito de implicar ás novas xeracións no coidado e preservación medioambiental do entorno.
A Asociación Cultural Río Barbeira ten entre os seus obxectivos a dinamización sociocultural entre os veciños desta zona así como a posta en marcha de iniciativas que poñan en valor o gran patrimonio natural, histórico e etnográfico que atesoura estes espazos ribeireños.
Ademais da limpeza e mantemento da ruta de sendeirismo coñecida como a “Ruta da Liberdade”, a Asociación Cultural Río Barbeira viña organizando o concurso-exposición dos famosos espantallos da Ruta do Río Barbeira.