O alumnado de sexto de primaria do CEIP de Marcón recibiu este mércores unha visita moi especial. Acudiron ao centro a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, e o comisario xefe de Pontevedra, Juan José Díaz, que participaron nunha das accións formativas sobre ciberseguridade que impartiu o Corpo Nacional de Policía no marco do Plan Director para a Convivencia nos Centros Educativos.
A charla versou, concretamente, sobre ciberacoso e sexting, dúas condutas na rede que cada vez son máis comúns entre os pequenos e adolescentes debido ao auxe na utilización das novas tecnoloxías.
Os axentes da Policía Nacional explicáronlle ao alumnado en que consisten estas prácticas, como detectar e previr o ciberbullying, así como os riscos que entrañan actividades como o sexting.
Unha vez rematada a sesión, os estudantes realizaron un pequeno control no que puxeron a proba os seus coñecementos sobre a materia. Xunto cos nenos e nenas tamén realizaron o exame a subdelegada e o comisario e todos aprobaron.
A subdelegada do Goberno aproveitou para destacar o gran labor educativo que desenvolve a Policía Nacional a través da Delegación de Participación Cidadá para formar a comunidade educativa fronte os riscos que poden entrañar as redes sociais e as novas TIC.
Para Larriba, resulta "moi importante" impartir formación neste eido desde etapas temperás "para que o alumnado teña as ferramentas e os coñecementos necesarios para utilizar os recursos da rede de maneira responsable e para frear os ciberdelitos".
Así, agradeceu a implicación da Policía Nacional neste traballo e tamén o do profesorado do colexio por desenvolver "un curso que garante saber navegar de maneira segura por internet, evitando colaborar no ciberacoso aos seus propios amigos e compañeiros".
Tamén quixo darlles os parabéns a todos os nenos e nenas e animalos a "poñer en práctica todo o aprendido e a ser embaixadores, especialmente entre as persoas maiores, do bo uso de internet e das redes sociais".
Durante o primeiro trimestre do curso 2022-2023, 12.898 persoas membros da comunidade educativa (alumnado, corpo docente, pais e nais) da provincia participaron nas actividades formativas e preventivas dirixidas pola Garda Civil e a Policía Nacional, o que supón un incremento do 56,5% con respecto ao pasado curso.