O alumnado do Colexio de Portonovo aprende como ter relacións afectivo sexuais saudables

Sanxenxo
11 de outubro 2024

A actividade está destinada ao alumnado de 6º de Primaria e 2º da ESO e repetirase no resto dos centros educativos do municipio

Actividade do CIM de Sanxenxo
Actividade do CIM de Sanxenxo / Concello de Sanxenxo

O Centro de Información á Muller do Concello de Sanxenxo iniciou este venres no colexio de Portonovo o proxecto "Quérome, quérote" para fomentar as relacións afectivo sexuais saudables e previr as violencias machistas.

A actividade, financiada pola Deputación de Pontevedra, está destinada ao alumnado de 6º de Primaria e 2º da ESO.

A concelleira de Servizos Sociais, Paz Lago, e a edil de Educación, Nati Parada, visitaron o centro de Portonovo onde comezou a actividade.

Tamén vai desenvolverse no CEIP O Cruceiro, CEIP Magaláns, CEIP Nantes, CEIP A Florida, CEIP Noalla, IES Sanxenxo, IES Vilalonga, CEIP Portonovo e no Colexio Plurilingüe Abrente.

A actividade ensina aos mozos a establecer relacións sas e igualitarias, por exemplo, aprender a dicir non, identificar as relacións baseadas na igualdade, rexeitamento da submisión, entre outras actitudes.

Tamén abordan os estereotipos sociais, roles e crenzas. Ademais de tratar a diversidade afectivo sexual e a realidade social. Informarase o alumnado a distinguir entre a expectativa comercial e a realidade, recoñecer os sinais de alarma e risco, saber sobre enfermidades de transmisión sexual, importancia da comunicación e embarazos non desexados.

Ofertarase un taller coas familias consistente nunha sesión de tres horas onde se traballarán os contidos do proxecto e no que se poderá realizar consultas e achegaranse ferramentas básicas para educar en igualdade, prevención e rexeitamento da violencia de xénero.

Doutra banda, o Concello, levará a cabo o proxecto Sendere, un cuestionario dirixido a 3º da ESO para coñecer a percepción da violencia machista, a igualdade e as relacións afectivos sexuais, que axudará a perfilar as actividades dirixidas a este grupo de mozos.