10.00 horas do sábado. A pesar da ameaza de choivas ao longo da mañá, un grupo de residentes no barrio de Altamira decide cumprir co obxectivo marcado nunha reunión veciñal para levar a cabo unha acción reivindicativa e demandar así máis limpeza en toda a contorna.
Desta forma, armados con vasoiras, fregonas, lixivia, capachos e cubos, máis dunha ducia de persoas, divididas en dous grupos, lánzanse a retirar toda a maleza e sucidade que se atopan ao seu paso. No pelótón anti-sucidade atópanse desde escolares ata dúas mulleres veteranas e moi activas: Sara, con 86 anos, e Isabel, con 83, que son as primeiras en asear unha zona de escaleiras ben equipadas con mandís e luvas.
"Temos problemas porque estas escaleiras son privadas e o Concello desenténdese e o dono tamén e ao final os veciños temos que facer este traballo", afirma Suevia Barreira, unha veciña portavoz do colectivo que promove estas accións e que, en breve, constituirase en asociación para manter de maneira formal reunións coas distintas administracións.
"Aquí xúntase rapazada a beber ou a comer e canto máis sucio estea máis rapazada se xunta. A suciedade chama a suciedade", expón a representante veciñal que fala entre decenas de pintadas que ruben polas paredes. A veciñanza demanda un barrio "limpo, acondicionado, cívico", onde cada vez reside máis xente nova.
Unha veciña que vén de facer a compra observa o avance do traballo que están a realizar os voluntarios: "mira as escaleiras que cambio pegaron. O que se fai vese", sentenza disposta a sumarse tamén á iniciativa.
Barreira alerta de que sofren tamén problemas de malos cheiros e de presenza de ratas, sobre todo na parte traseira dos edificios, cara a rúa Padre Fernando Olmedo. Entenden que se trata dun problema da rede de sumidoiros e reclaman unha solución ao Concello.
"Había un compromiso de remodelar o barrio, queremos ver se se fai realidade", explica Suevia Barreira engadindo que sempre están a presionar para que pase con máis frecuencia o servizo de limpeza, afirmando que a semana anterior si que acudiron para facer un traballo máis profundo do habitual, pero piden máis continuidade nestes operativos.
"Pedimos o que é básico: un barrio acondicionado, con pavimento acorde, con varandas definitivas e non as provisionais que están agora", engade a representante veciñal que xa avanza que a veciñanza está a traballar na organización do segundo magosto porque, como defenden os veciños, "Altamira existe".