O Concello de Ponte Caldelas sitúa en 1.500 persoas o número de participantes na protesta que se desenvolvía este domingo 31 de xullo, nunha xornada de altas temperaturas, polas rúas da vila para mostrar o rexeitamento aos recortes de persoal que afectan o Centro de Saúde.
Os manifestantes, encabezados polo alcalde Andrés Díez, denunciaron que este centro sanitario segue sen atención continuada do servizo de Pediatría e pasou de contar con tres médicos a manter só un na actualidade.
Na marcha entoábanse cánticos como 'Rueda escoita, Ponte Caldelas está en loita' demandando a intervención do presidente da Xunta de Galicia na resolución desta situación sanitaria ou 'Queremos máis médicos'.
Andrés Díaz leu un manifesto no que afirmaba que o actual escenario da sanidade no municipio chegou a un punto "que é xa insostible. Nunca a atención sanitaria estivo tan debilitada" e lembrou que no Centro de Saúde xubiláronse dous médicos nos últimos tempos e só substituíuse a un. Denunciou que non se cubrían as vacacións dos profesionais médicos e que o Sergas "apaña" cun médico de familia que só atende dúas tardes á semana para liquidar a marcha do servizo de pediatría.
Tamén se referiu á situación do Punto de Atención Continuada da Parda (PAC) da Parda en Pontevedra, que dá servizo a 125.000 persoas dos concellos de Pontevedra, Ponte Caldelas, Poio, Barro, Campo Lameiro, Cotobade, A Lama e Soutomaior cun só médico nas últimas semanas para atender as urxencias de oito municipios. "Unha vergoña", manifestou Díaz, que tamén lamentou a situación do Hospital Montecelo onde son habituais as longas horas de espera e a presenza de pacientes durmindo nos corredores de Urxencias "porque pechan as camas no verán" criticando á Xunta por fomentar a sanidade privada.
Lembrou que a atención sanitaria é un ben básico e rexeitou "máis recortes temerarios que poñan en xogo a nosa saúde. Queremos Sanidade Pública de calidade, gratuíta e para todos", concluíu o rexedor durante a súa intervención.