Desde distintos puntos da provincia como Soutomaior, Sanxenxo, Gondomar, Meis ou Pontevedra achegáronse comparsas e grupos para participar no Desfile de Entroido do municipio de Poio.
Segundo o Concello, o novo percorrido de menor distancia que en anos anteriores e o horario matinal foi decisivo para atraer outras agrupacións e persoas con ganas de mostrar os seus disfraces a todo o público que asistiu á cita.
Os Canecos, As Sonecas, 100Tolos e Grupos de Entroido de Samieira participaron como comparsas, ás que se sumaron as invitadas de Os Retrincos, Os Miúdos, Politicamente Incorrectos, Cor Café e Os da Caña.
O percorrido realizábase entre a Biblioteca Municipal e a Praza da Granxa e, durante o traxecto, os colectivos participantes mostaron o seu humor e realizaron bailes.
A choiva fixo presenza nalgúns momentos do desfile. Finalmente, os participantes gozaron dunha sesión vermut con animación musical de D Due. Neste encontro final repartíanse os 4.450 euros de premios para esta edición.