O Colexio Provincial da Avogacía de Pontevedra decidiu intervir en resposta á baixa masiva de avogados que días atrás pediron deixar de prestar os servizos da quenda de oficio na especialidade de violencia de xénero en Marín. Tras analizar a situación, a entidade decidiu dalos de alta de forma forzosa.
A Xunta de Goberno do Colexio reuniuse este martes 25 de xuño e acordou "con carácter excepcional e extraordinario" dar de alta obrigatoriamente na quenda especial de asistencia a vítimas de violencia de xénero a estes avogados.
O 13 de xuño, 17 dos 18 letrados adscritos á asistencia a vítimas de violencia de xénero en Marín comunicaron a súa baixa para o terceiro trimestre do ano e agora, #ante a "gravidade" da situación exposta, o Colexio decide que durante ese terceiro trimestre terán que prestar igualmente o servizo.
O Colexio explica que adoptou esta decisión "tras comprobar que non é posible atender o servizo con profesionais que o presten de maneira voluntaria". Cualifícao como medidas "urxentes, excepcionais e con carácter temporal" e sinala que son "estritamente necesarias para evitar a vulneración dos dereitos fundamentais que puidesen verse afectados".
Desde o Colexio insisten en que a situación é de "extrema urxencia, necesidade e gravidade", pois na asistencia inmediata ás vítimas "non cabe demora nin escusa na asistencia letrada" e aseguran que toman esta decisión como "a única opción posible".
A decisión adóptase para o terceiro trimestre, pero xa especifican que é "sen prexuízo de que poida ser necesario acordar a súa prórroga".
Dan de alta forzosa a todos os avogados con máis de tres anos de exercicio e que cumpran as condicións de especialización e formación en violencia de xénero en Marín, aínda que admiten a opción de que se lles conceda unha dispensa "cando existan motivos que debidamente fundados e acreditados o xustifiquen".
O Colexio tamén acordou elaborar a lista de avogados que prestarán o servizo de garda de asistencia a vítimas de violencia de xénero durante o terceiro trimestre seguindo orde alfabética e establecendo, a fin de respectar na medida do posible o descanso vacacional do mes de agosto, quendas de garda semanais que desempeñará un profesional cada semana.
Esta baixa masiva de avogados da quenda de oficio de violencia de xénero enmárcase nas protestas que mantén a Avogacía desde hai meses, en folga indefinida desde novembro. En Pontevedra, as protestas lidéraas a plataforma Dignidade Avogacía Pontevedra, que este mércores 26 acudiu ao Pleno do Parlamento de Galicia porque se abordaba a situación da folga a través dunha pregunta do grupo parlamentario do PSOE.
Unha representación da plataforma acudiu convidada pola parlamentaria pontevedresa Paloma Castro Rey e, ao termo da sesión, mostraron a súa "decepción" coa actitude do conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, que "ignorou a súa presenza no Pleno", non lles recoñeceu lexitimación para reunirse e negou a posibilidade de reunión con eles.