Alsina Tomé ten 109 anos. É a avoa de Ponte Caldelas e, sen dúbida, unha das mulleres máis lonxevas de España. E rodeada da súa familia, na mesma casa onde naceu, celebrou o seu aniversario.
O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, felicitouna e entregoulle o obsequio institucional dunha torta de aniversario e un ramo. Foi a primeira vez que un alcalde visitaba á muller máis vella do municipio, pois, ata o de agora, a súa familia celebraba a data na intimidade.
Viúva desde hai 77 anos, Alsina viviu sempre en Tourón, agás un breve paréntese no que emigrou a Brasil e unha década na que residiu cunha neta en Madrid. Tivo tres fillas, cinco netos e sete bisnetos. Para o mes de xullo agárdase o nacemento do seu primeiro tataraneto.
Goza dun excelente estado de saúde e non toma ningunha menciña, pois unicamente padece unha artrose que lle afectou especialmente aos cadrís, polo que móvese nunha cadeira de rodas coa axuda dunha filla e unha neta, que son as que se ocupan do seu coidado.
O seu estado mental xa non é tan bo e está severamente afectada pola demencia senil. Non obstante, tivo un día magnífico e celebrou como moita ledicia o seu aniversario acompañada dos seus. Soprou as veas con ilusión e recibiu moitos aloumiños.
A súa neta explicou que non padece enfermidade ningunha dende que hai uns anos ingresou en Montecelo por unha infección de ouriño, complicada cunha anemia. Chegaron a pensar que non a superaría, pero saíu adiante, aínda que con algún problema dixestivo. Dende entón aliméntase a base de batidos de proteína con leite.
Dáse a circunstancia de que foi moi amiga de Sara Maquieira, a outra centenaria de Tourón, que cumpriu 104 anos hai poucas datas. Un dato que se suma á lonxevidade dos sete irmáns de Alsina, xa todos falecidos, pero despois de superar ben os 90 anos e mesmo acadar o centenario.