A alumna de primeiro de Bacharelato do IES Frei Martín Sarmiento, Aloia López, recibiu este luns o premio como gañadora do certame literario "Relatos de auga intelixente" que organiza a empresa concesionaria do servizo de auga de Pontevedra, Viaqua.
A estudante recibiu o galardón de mans do alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, por un breve relato titulado "Lévame" no que pon en valor a importancia de coidar o medio ambiente e da correcta xestión de residuos, entre eles as máscaras.
O xerente da empresa, Casimiro Gómez, explicou as bases dun concurso no que se presentaron máis de 400 obras de autores das catro provincias galegas que debían versar sobre o impacto de residuos non biodegradables no medio e nas redes de saneamento.
A pontevedresa Aloia, que non é a primeira vez que consegue un triunfo neste tipo de concursos, levou o primeiro premio na categoría de Bacharelato e Formación Profesional. A outra categoría era para estudantes da ESO.
No acto estivo tamén presente o director do instituto, David Alvariño, quen puxo en valor o talento dunha alumna e tamén a calidade do profesorado que leva dez anos consecutivos acadando mencións e premios en diferentes convocatorias literarias, froito, por outra banda, do excelente traballo do Departamento de lingua e literatura castelá, dirixido polo docente Jorge Martín.
O encargado de pechar a entrega de premios foi o alcalde Fernández Lores, quen fixo fincapé na necesidade de asimilar que a auga é un "recurso limitado que hai que coidar e que require investimento para reducir a súa contaminación".
Neste sentido, o rexedor sinalou que Pontevedra atópase á "vangarda" de España no tratamento da auga, posto que o 90 % da poboación ten unha subministración de calidade e as fugas na rede están no 3 %, cando a Unión Europea esixe que no 2030 deben ser inferiores ao 20 %.
Despois de felicitar a Aloia polo seu éxito, o alcalde quixo estender ese parabén ao equipo docente do instituto porque "se escriben ben é porque os estimulan a facelo e iso é merito do IES Frei Martín Sarmiento", rematou, non sen antes lembrar que este tipo de iniciativas tamén forman parte dunha campaña de concienciación social sobre a necesidade de coidar o medio ambiente.