Ali-Salem, Lashan, Salamo e Karima pasaron todo o verán en Bueu, lonxe da súa casa, nos campamentos de refuxiados do Sáhara, e tiveron oportunidade de coñecer a localidade e os veciños, pero agora xa toca despedirse. Chegaron ao Morrazo no marco do programa Vacacións en Paz, co que familias españolas acollen a nenos saharauis para darlles un respiro do duro verán en Tindouf, e este luns dixeron ata logo oficialmente para poñer rumbo ao seu fogar.
A despedida formal realizouse no salón de plenos do Concello de Bueu. O alcalde, Félix Juncal, e os concelleiros María José Pérez, José Inocente García, Manuel Otero e Xosé Leal -tamén deputado provincial de Cultura- recibiron aos catro rapaces nun pequeno acto no que tiveron oportunidade de comentar a súa estancia.
O Concello agasallounos cun reproductor MP4, co que Ali-Salem, Lashan, Salamo e Karima quedaron moi contentos. Despois do acto, o alcalde destacou a importancia deste programa, xa que lles permite coñecer a vila e todos os seus eventos, tal e como tamén lle comentaron os nenos, segundo informou o Concello a través dun comunicado.