Unha alga invasora ameaza o estanque dos xardíns de Caldas e o río Umia

Umia
14 de xaneiro 2025

O colectivo Umia Río Vivo sinala que este organismo está presente no estanque dos xardís de Caldas de Reis, zona catalogada como Ben de Interese Cultural. Temen que se disperse a outros ecosistemas acuáticos

Alga invasora
Alga invasora / Umia Rio Vivo

O colectivo  Umia Río Vivo  denuncia a presenza dunha especie de alga invasora no estanque situado na entrada dos xardíns de Caldas de Reis, un espazo que conta coa máxima protección patrimonial ao estar catalogado como Ben de Interese Cultural (BIC).

A situación, que se mantén desde hai meses, presenta un dobre risco: por unha banda, ao ser un espazo de libre acceso, existe a posibilidade de que visitantes recollan exemplares da alga para acuarios particulares, facilitando así a súa dispersión a outros ecosistemas acuáticos.

Por outra banda, o estanque verte as súas augas ao río Umia, polo que a alga xa foi detectada augas abaixo da vila caldense.

O colectivo ecoloxista alerta da pasividade das administracións ante este problema.

Segundo sinalan, o Departamento de Medio Ambiente do Concello de Caldas limitouse a remitir a solución a futuros traballos pendentes de subvención, mentres que Augas de Galicia rexeitou a súa competencia no asunto, malia que o estanque está situado dentro da zona de policía do cauce, que debe controlar este organismo.

Pola súa parte, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural trasladou a responsabilidade ao Concello de Caldas para que resolva a situación, sen que ata o momento se teñan tomado medidas efectivas.

Umia Río Vivo denuncia a contradición que supón que o Concello se queixe da falta de limpeza do río Umia mentres permite unha situación que pode agravar a contaminación do curso fluvial, ao mesmo tempo que critica a "indiferenza" da Xunta de Galicia.

Estanque de Caldas onde permanece a alga invasora
Estanque de Caldas onde permanece a alga invasoraUmia Río Vivo